A reunión de mediación no SIMA do 6 de marzo remata sen acordos concretos

A próxima reunión será o xoves, 11 de abril.

Onte, día 6 de marzo, celebrouse unha nova reunión na sede do Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) para continuar co procedemento de mediación iniciado o pasado 15 de febreiro. Seguindo as indicacións do mediador, todas as organizacións enviaramos previamente as nosas posturas de cara á negociación dos salarios do convenio, así como sobre outros temas nos que se evidenciaron as discrepancias no curso da negociación.

Durante a reunión que mantivemos a parte sindical e patronal por separado, traballamos sobre estas cuestións para tentar harmonizar as propostas enviadas. Para facilitar o entendemento, decidiuse tratar de pactar, como tema máis urxente, as cantidades que as empresas deberán aboar en concepto de atrasos correspondentes ao ano 2023 e a modalidade de aboamento, cuestión que se procurará pechar na vindeira reunión. Déixanse para máis adiante as propostas sobre os incrementos salariais posteriores, tanto nas escolas de xestión directa como nas de xestión indirecta.

Paralelamente, as organizacións patronais traballaron tamén sobre o aboamento dos atrasos e sobre unha proposta para a posible modificación do artigo que regula a inaplicación das condicións salariais do convenio naqueles casos en que as empresas non puideren afrontar os futuros incrementos que se poidan acabar pactando.

A reunión rematou sen ningún tipo de concreción nin de acordo sobre os temas tratados, comprometéndose as organizacións patronais a facer chegar unha proposta de redacción da cláusula de inaplicación antes da próxima reunión, que se celebrará o 11 de abril.

Dada a dinámica de negociación proposta, non se abordaron outros temas, á espera de ir alcanzando os primeiros acordos nas materias tratadas hoxe.