As candidaturas das catro provincias reúnen profesorado de arredor de 480 centros educativos repartidos por 186 concellos galegos
Reivindicamos un modelo que combina mobilización, negociación e acción xurídica para transformar as demandas do profesorado en avances reais
Candidaturas provinciais
Presentamos as nosas candidaturas provinciais ás eleccións sindicais do persoal docente do ensino público non universitario, que se celebrarán o vindeiro 3 de decembro, cun total de 912 persoas nas catro provincias galegas.
As candidaturas reúnen profesorado de todas as etapas educativas e de todo tipo de centros, con presenza nas cidades e no rural. Son compañeiras e compañeiros vinculados a arredor de 480 centros situados en 186 concellos galegos, que comparten o compromiso coa defensa do ensino público e coa mellora das condicións laborais de quen traballa nel.
A candidatura da Coruña, integrada por 292 persoas, está encabezada por Noelia Sánchez Vaamonde, profesora de Lingua Castelá e Literatura e secretaria xeral de CCOO Ensino.
En Lugo, a lista reúne 112 persoas e ten á fronte a Alberto Caldeiro Pérez, profesor de Operacións e Procesos de Produción Agraria.
A candidatura de Ourense, con 304 persoas, está encabezada por Borja Campos Seijo, profesor de Xeografía e Historia.
Pola súa banda, Montserrat Coello Rodríguez, mestra de Educación Física, encabeza a lista de Pontevedra, integrada por 204 persoas.
As mulleres teñen un protagonismo destacado nestas candidaturas: son 703 das 912 persoas que integran as listas, o 77,1 % do total. Estas cifras reflicten a aposta de CCOO Ensino pola participación e o liderado das mulleres na representación do profesorado e na defensa dun ensino público comprometido coa igualdade.
Con estas candidaturas, concorremos ás eleccións coa aspiración de converterse na referencia sindical do ensino público galego. Unha aspiración apoiada na liña ascendente dos nosos resultados na última década e na confianza nunha forma de entender a acción sindical que propiciou todos os avances nos dereitos e nas condicións laborais do profesorado durante estes anos. Melloras que son reais e constitúen unha base para seguir avanzando.
O que está en xogo nestas eleccións é a forza coa que o profesorado defenderá os seus dereitos durante os próximos catro anos. O resultado determina a representación nas xuntas de persoal e a representatividade das organizacións sindicais, da que depende a súa presenza e capacidade de negociación nas mesas correspondentes, tanto no ámbito galego como no estatal.
É neses espazos onde se trasladan as demandas dos centros e se negocian cuestións que afectan directamente o día a día do profesorado: horarios, retribucións, permisos, emprego, ratios ou atención á diversidade. Canto máis apoio reciba CCOO Ensino, máis forza teremos para defender as reivindicacións do profesorado e traballar por novos avances reais.
Un sindicalismo que transforma reivindicacións en dereitos
Consulta o balance sindical do noso traballo no período 2022-2026
Defendemos un modelo sindical que parte da escoita nos centros a través das máis de 10.000 asembleas celebradas nos últimos catro anos, coñecemos os problemas do profesorado e empregamos todas as ferramentas dispoñibles para resolvelos: a mobilización cando é necesaria, a negociación firme e a acción xurídica cando corresponde.
Fronte a un modelo baseado na confrontación permanente e que leva desde 2008 sen asinar acordos sectoriais coa Consellería de Educación, desde CCOO Ensino participamos durante estes anos en acordos que permitiron converter reivindicacións históricas en melloras para o profesorado.
Entre elas están a recuperación íntegra da parte galega das pagas extraordinarias, o cobro íntegro desde o primeiro día de baixa, a homologación retributiva co resto de comunidades autónomas e outras melloras nos salarios, así como a redución de ratios e o cómputo dobre ou triplo de determinado alumnado para efectos de ratio.
Nos últimos anos tamén se avanzou na redución do horario lectivo: acadáronse as 23 horas lectivas en Infantil e Primaria e recuperáronse as 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial. A isto súmanse melloras na atención á diversidade, con máis dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, e un maior recoñecemento para titorías, coordinacións e funcións directivas.
E do mesmo xeito conseguíronse melloras na conciliación para o persoal interino e substituto, eliminouse a obriga de ter que presentarse ás oposicións para manterse nas listas de substitucións e estase avanzando para implantar un moderno e máis eficaz sistema de chamamentos a través dun aplicativo web.
Estes avances son froito do traballo colectivo, da presión sindical e da negociación. Para CCOO Ensino, os acordos non son un punto final: cómpre vixiar o seu cumprimento, defender a súa aplicación e seguir traballando para melloralos. Por iso, mantemos abertas todas as vías de actuación, incluída a xudicial cando é necesaria.
O sindicalismo non consiste só en sinalar os problemas, senón tamén en ofrecer solucións e comprometerse para conseguir melloras reais.
Un programa para seguir avanzando
Consulta o noso programa electoral coas reivindicacións para o período 2027-2030
Presentamos un programa electoral que recolle as demandas trasladadas polo profesorado e fixa as
reivindicacións para os vindeiros catro anos. O obxectivo é conseguir máis forza nas urnas para defendelas nas mesas de negociación e convertelas en novos avances.
Entre as prioridades do programa están:
- Mellorar as retribucións e recuperar poder adquisitivo, cunha cláusula salarial vinculada ao IPC real, a recuperación das cantidades pendentes das pagas extraordinarias na súa parte estatal e a inclusión de todos os corpos docentes no subgrupo A1.
- Avanzar na redución da xornada, recuperando as 21 horas lectivas para mestras e mestres, reducindo progresivamente a carga lectiva e implantando unha xornada máxima real de 35 horas semanais.
- Mellorar a conciliación e coidar a saúde laboral, cunha redución de xornada sen perda retributiva para o profesorado maior de 55 anos, a ampliación de permisos e a retribución íntegra das oito semanas do permiso parental.
- Defender o persoal interino e substituto, recuperando o pagamento do verán para quen
acumule máis de cinco meses e medio de servizos no curso escolar e garantindo a cobertura de todas as vacantes e substitucións. - Reforzar a atención á diversidade e reducir ratios, con máis profesorado de PT e AL, unha rede de orientación reforzada e unha dotación de, polo menos, unha persoa profesional da orientación por cada 250 alumnas e alumnos.
- Reducir máis a burocracia, simplificando procedementos, eliminando duplicidades e
garantindo tempo ou persoal administrativo suficiente para as tarefas de xestión. - Avanzar en dereitos na xubilación, desenvolvendo a xubilación parcial con relevo para o persoal funcionario, sen perda de dereitos retributivos nin de cotización.
- Defender e impulsar a lingua galega no ensino, cunha nova normativa de consenso e medidas de acción positiva que garantan a súa presenza efectiva nas distintas etapas e ensinanzas.
CCOO Ensino afronta estas eleccións coa experiencia dos avances conseguidos e coa vontade de seguir mellorando as condicións de traballo do profesorado.
Porque aínda queda moito por facer e porque cada voto dará máis forza á defensa das demandas do profesorado e dos centros educativos.

