O curso “Produtividade e creatividade na nube con Canva”, na súa quinta edición, está pensado para aprender a utilizar Canva como ferramenta de deseño, creación de contidos e traballo colaborativo aplicada á práctica docente.
Ao longo da formación traballarase desde a configuración inicial da ferramenta e os fundamentos do deseño ata a creación e edición de imaxes, presentacións e vídeo, o traballo colaborativo e o uso das funcionalidades de intelixencia artificial incorporadas en Canva. A formación ten un enfoque eminentemente práctico, baseado na realización de actividades e proxectos que permiten aplicar progresivamente o aprendido.
A actividade está homologada pola Consellería.
Información básica do curso
- Modalidade: teleformación a través de Moodle
- Duración: 50 horas
- Datas: do 26 de abril ao 6 de xuño de 2027
- Prazas: 50
- Persoa titora: Adriana García
- Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 100 € para persoas non afiliadas
Como funciona o curso?
O curso é asíncrono, cun funcionamento similar ao dos cursos que organiza a Consellería a través de FPROFE, pero na plataforma de teleformación de CCOO Ensino. Isto significa que non tes que conectarte en días ou horas concretas para seguir o curso: en cada módulo terás dispoñibles os materiais e as actividades correspondentes, que poderás realizar organizando o tempo segundo a túa dispoñibilidade.
De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.
Inscrición
Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:
Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.
A principios de abril contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.
As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.
Guía do curso
Na guía do curso podes consultar con máis detalle a organización da formación, a distribución dos módulos, as actividades, a metodoloxía e os criterios de avaliación.
Obxectivos
- Desenvolver habilidades de deseño e creatividade utilizando o programa Canva.
- Utilizar Canva como ferramenta colaborativa na nube.
- Mellorar a eficiencia e a produtividade no deseño con Canva.
Contidos
- Creación e configuración da conta en Canva.
- Personalización e creación de deseños únicos e impactantes.
- Exportación e gardado de deseños en distintos formatos.
- Traballo con imaxes.
- Utilización de elementos de deseño e tipografías.
- Traballo en equipo.
- Técnicas de intelixencia artificial aplicadas a Canva.
- Elaboración de presentacións.
- Deseño, creación e edición de vídeo e son.
Competencia dixital docente
O curso traballa competencias vinculadas á competencia dixital docente, especialmente nas áreas de contidos dixitais e ensino e aprendizaxe, con indicadores de nivel A2.
- Nivel A2
- Área 2: contidos dixitais
- 2.1. Busca e selección de contidos dixitais.
- 2.2. Creación e modificación de contidos dixitais.
- 2.3. Protección, xestión e compartición de contidos dixitais.
- Área 3: ensino e aprendizaxe
- 3.3. Aprendizaxe entre iguais.
- Área 2: contidos dixitais
Estrutura do curso
O curso estrutúrase en sete módulos, máis un módulo introdutorio:
Módulo 0. Preparándote para aprender: benvida ao curso e configuración de Canva — 2 horas
Presentación da formación, creación da conta de Canva e configuración básica das preferencias da ferramenta.
Módulo 1. Domina Canva en poucos minutos — 5 horas
Primeiros pasos na interface de Canva, funcionalidades e ferramentas básicas e creación do primeiro deseño.
Módulo 2. Crea deseños impactantes en Canva — 5 horas
Uso de modelos, organización dos elementos na páxina, traballo con capas e exportación dos deseños en distintos formatos.
Módulo 3. Dálle vida ás túas imaxes con Canva — 7 horas
Edición, recorte e redimensionamento de imaxes e utilización de filtros e efectos para integralas nos deseños.
Módulo 4. Utiliza tipografía e elementos para crear deseños con estilo en Canva — 7 horas
Tipografía, paletas de cores, formas, gráficos, ilustracións e táboas para crear deseños coherentes e visualmente atractivos.
Módulo 5. Traballa en equipo con Canva — 7 horas
Ferramentas de colaboración, proxectos compartidos, equipos e organización do traballo mediante cartafoles.
Módulo 6. Crea presentacións efectivas con Canva — 8 horas
Creación de presentacións, utilización de modelos, incorporación de recursos multimedia, animacións e transicións.
Módulo 7. Domina técnicas avanzadas de deseño en Canva — 9 horas
Funcionalidades avanzadas, ferramentas de intelixencia artificial e creación de contidos con animación e vídeo.

