Unha vez aprobada no Senado, o 23 de marzo, a Lei orgánica de ordenación e integración da FP, desde CCOO esiximos a convocatoria da Mesa de Negociación e que o Ministerio presente axiña unha proposta de desenvolvemento lexislativo que concrete, de forma urxente, o paso do A2 ao A1 de todo o profesorado de Formación Profesional que cumpre co requisito da titulación. O sindicato reivindica, ademais, que se estableza a continuación un complemento de equiparación salarial para as e os docentes que non posúen un título universitario.
Nesta mesa, CCOO manterá as reivindicacións e esixencias que formulou para este colectivo:
- Que todo o profesorado que cumpra co requisito de titulación poida incorporarse ao A1, independentemente de se a súa especialidade pasa a formar parte do corpo de secundaria ou do corpo de especialistas en sectores singulares da FP. Consideramos que a lei dá claramente marco para isto.
- Que o paso sexa inmediato e áxil, simplemente presentando a titulación. Debe ser tamén en prazos similares en todas as comunidades autónomas.
- Que o prazo para adquirir a titulación e presentar a solicitude para o paso ao A1 se prorrogue máis alá dos cinco anos que recolle a lei, establecéndose unha convocatoria aberta e permanente, de xeito que, despois do prazo inicial que se estipule, calquera poida adquirilo ao longo da súa carreira e alegalo para a súa incorporación ao A1 no futuro.
O Ministerio de Educación e FP deberá exercer o máximo liderado, dilixencia e coordinación para que, a través da Conferencia Sectorial, a Mesa de Negociación docente e resto de ámbitos da súa competencia non demore nin un segundo máis o paso do A2 ao A1 do profesorado con titulación universitaria, e inmediatamente despois se produza a equiparación salarial dos e das docentes que non cumpran con este requisito.

