CCOO solicita ao Ministerio traballar intensamente coas comunidades autónomas para marcar criterios, coordinar e liderar o crecemento do sistema educativo público e os seus cadros de persoal e asegurar as boas condicións dos seus profesionais. O sindicato urxe a recuperar o investimento do 5,5 % do PIB en educación, cantidade suficiente para implementar todas as medidas propostas pola Federación de Ensino de CCOO e afrontar os retos máis inmediatos.
As propostas de CCOO son as seguintes:
- Conseguir un compromiso de todas as Administracións educativas para incrementar o investimento en educación, co obxectivo de baixar de forma permanente as ratios, aumentar a oferta de prazas educativas públicas e aumentar os cadros de profesorado e PAS educativo. Os recursos extra deben incrementarse e non ser conxunturais, senón estruturais.
- Establecer mecanismos para frear e reverter os procesos de privatización en todas as ensinanzas.
- Crear un fondo de cohesión territorial, distribuído en función da diferente situación das comunidades autónomas, cun modelo de financiamento compartido.
- Poñer a funcionar unha comisión dentro da Conferencia Sectorial, que permita o seguimento dos fondos destinados a Educación nas distintas CC. AA.
- Apostar decididamente polo diálogo social e a negociación colectiva de todas as Administracións educativas para acordar as medidas e distribuír os recursos, con transparencia nos datos.
- Mellorar a situación laboral e retributiva do profesorado e do PAS educativo, que na actualidade está facendo un enorme esforzo por manter a equidade e a calidade, en moitos casos sen os recursos adecuados. En especial, cómpre mellorar as condicións do profesorado no que respecta á xornada lectiva, cuestión na que existen moitas diferenzas entre as comunidades autónomas.
- Situar a temporalidade dos cadros de persoal por debaixo do 8 % e poñer as medidas para que non volva subir, desterrando definitivamente a precariedade do emprego público en educación. Para iso é necesario eliminar a taxa de reposición de efectivos e establecer sistemas de ingreso e acceso ao emprego público que permitan ao persoal temporal estabilizar o seu posto de traballo.
- Incrementar de maneira significativa o investimento en FP, para mellorar e aumentar a oferta de prazas e as dotacións materiais e humanas nos centros educativos públicos.
- Universalizar as etapas non obrigatorias mediante a creación de prazas públicas.
- Incrementar os recursos xerais e específicos para atender a diversidade do alumnado en todas as etapas e ensinanzas, e fortalecer os servizos de orientación psicopedagóxica e educativa. Esta cuestión ten especial relevancia e necesítanse recursos específicos para diferentes perfís de alumnado.

