Despois de solucionar a crise actual, será o momento de traballar nun plan de viabilidade a longo prazo
A intranquilidade de mutualistas de Muface chega á fin. Asisa e Adeslas foron as dúas únicas compañías que presentaron as súas ofertas e, polo tanto, Muface formalizará só con estas dúas aseguradoras, logo da salida de DKV, o nuevo Concerto de Prestación de Asistencia Sanitaria en territorio nacional durante os anos 2025, 2026 e 2027. Para o exterior, o Concerto para a Asistencia Sanitaria formalizarase coa Nova Mutua Sanitaria.
Ábrese agora un proceso que pode prolongarse todo o mes de marzo e parte do mes de abril: apertura das ofertas para Muface, avaliación técnica e económica, proposta de adxudicación e, finalmente, formalización do contrato. Agora ben, o proceso pode demorar aínda máis se houber recursos e impugnacións.
Unha vez superadas todas esas fases, posiblemente a principios de maio (informaremos da data exacta), abrirase un prazo extraordinario para o cambio de entidade, obrigatorio, obviamente, para os mutualistas de DKV, prazo que posiblemente empalme co ordinario de xuño, e do que informaremos de maneira puntual e detallada cando se determine.
REITERAMOS: con independencia de todo este proceso, todas as persoas mutualistas de MUFACE, tanto titulares como beneficiarias, van continuar recibindo a mesma asistencia sanitaria e coas condicións actuais, en virtude das ordes de continuidade do servizo ditadas pola Mutualidade, consonte o artigo 288 da Lei de contratos do Sector Público.
Cal foi a actuación de CCOO nesta crise de MUFACE?
Desde o minuto cero, CCOO reivindicou unha solución inmediata que garantise unha asistencia sanitaria de calidade para 1 500 000 empregadas e empregados públicos. Cos lemas Muface solución xa, A nosa saúde non é unha mercadoría!, Non somos reféns!, Unidos polo teu benestar, comprometidos coa saúde!, esixímoslle celeridade ao Goberno para pechar un novo convenio e poñer encol da mesa un plan de viabilidade para a asistencia sanitaria do funcionariado público.
Igualmente, reclamámoslles con contundencia ás aseguradoras que priorizasen a saúde das persoas mutualistas por riba dos seus réditos económicos e que deixasen de utilizalas como reféns. Con esta postura mobilizámonos en varias ocasións en unidade sindical con todas as organizacións sindicais (agás CSIF, convertida en portavoz dos intereses das aseguradoras), para reivindicar a concreción urxente dun acordo razoable que garantise a asistencia e calidade sanitaria das empregadas e empregados públicos.
Agora, despois de solucionar a crise actual, será o momento de traballar nun plan de viabilidade a longo prazo para non volver sufrir cada poucos anos esta situación de incerteza nin esta chantaxe.

