A conselleira négase a recibir os representantes do ensino para tratar a crise do coronavirus

CCOO ensino e o resto de organizacións sindicais, coa finalidade de colaborar coa Consellería na redacción de instrucións claras para a organización dos centros educativos e así evitar que o profesorado acudise a eles para evitar riscos innecesarios, atopámonos coa resposta da conselleira de enviar a Policía para desaloxar aos representantes sindicais.

Para CCOO Ensino é lamentable que ante a actitude das organizacións sindicais de pretender axudar nesta situación extraordinaria, a resposta sexa o desprezo aos representantes lexítimos do profesorado e a ameaza de desaloxo.

As novas instrucións en relación ao COVID-19 seguen sendo ineficaces e insuficientes. Deixar en mans do equipo directivo se os traballadores e traballadoras acoden ou non aos centros educativos é unha irresponsabilidade e temeridade por parte da Consellería dunha magnitude sen precedentes, ao menosprezar a protección da súa saúde.

Ademais, as instrucións no referente á titorización do alumnado non aclaran o que ten que facer o profesorado e crea diferenzas entre centros e mesmo entre titorías, convertendo nun caos organizativo os centros e desamparando as familias.

Para esta organización sindical, a xestión da Consellería nesta crise sanitaria está sendo esperpéntica e mesmo prepotente, con actitudes propias doutras épocas, ao non deixar que os axentes sociais colaboren e crearlles problemas aos traballadores e traballadoras do ensino

Ante as recomendacións sanitarias de quedar nas casas e evitar xuntanzas de persoas, CCOO Ensino insta a Consellería a rectificar e emitir unhas instrucións claras de peche dos centros educativos sen presenza de ningún traballador e traballadora neles. Calquera comunicación coas familias debe facerse por medios telemáticos exclusivamente. É prioritaria a protección da saúde por riba de calquera outra cuestión.