Convocada folga e concentracións pola recuperación do poder adquisitivo nos centros Concepción Arenal e CIEMA, xestionados por Camiña Social

O centro Concepción Arenal e CIEMA están xestionados pola Fundación Camiña Social que, malia ter un superávit millonario nas súas contas, máis de 6 millóns de euros, mantén conxelados os salarios dos seus traballadores e traballadoras dende o ano 2014, escusándose nuns supostos balances económicos negativos dos últimos anos, que nada teñen que ver coa realidade da Fundación. 

Agora, tras máis dunha ducia de xuntanzas sen avances desde 2021, primeiro negociando as táboas salariais e logo un novo convenio colectivo, a Fundación segue instalada no inmobilismo e incluso se negou a ir ao AGA a unha arbitraxe en equidade, tal e como regula o propio convenio no seu artigo 50.

Diante desta desconsideración e desprezo a todo o seu persoal, acordouse por máis do 90% dos traballadores e traballadoras convocar esta primeira folga o 12 de xullo e mobilizacións tanto nas instalacións de Palavea da Fundación coma diante da Xefatura Territorial de Política Social (responsable deste servizo de atención a menores) para reclamarlle á dirección que abandone a súa postura inmobilista, que respecte os dereitos adquiridos no convenio propio e que aborde unha negociación real que permita ao persoal, cando menos, recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos e dignificar os seus salarios na liña de garantir o IPC nas súas táboas salariais actuais e futuras, así como outros dereitos laborais e sociais.