Este ano, as reivindicacións arredor do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, toman unha dimensión distinta. Nos últimos días vimos que, coa chegada da ultradereita ás institucións, perigan os avances en dereitos e igualdades que tanto custou conseguir, pondo incluso en cuestión dereitos fundamentais para as persoas do colectivo.
Xa temos dito moitas veces, pero entendemos que agora é máis necesario ca nunca, que o papel da educación é fundamental para evitar maiores retrocesos e para seguir avanzando cara a unha sociedade cada vez máis xusta e igualitaria.
Os centros educativos e socioeducativos deben ser espazos seguros, tanto para as persoas menores –nos anos clave do seu desenvolvemento individual– como para todo o persoal educativo que desempeña o seu labor neles.
As persoas que traballamos nestes espazos debemos poder sentir a liberdade de expresarnos e, por suposto, de educar en liberdade. Educar no respecto, na diversidade e na tolerancia é o único camiño cara a esa sociedade que desexamos e que tanto precisamos.
As persoas traballadoras LGTBIQ+ deben poder elixir libremente como expresarse e o centro de traballo ten a obriga de dar resposta a esta elección, evitando calquera tipo de discriminación, violencia ou perigo no medio laboral. Especialmente, cando os datos aseguran que entre o 40 % e o 50 % das persoas do colectivo coidan necesario agochar a súa orientación sexual no seu lugar de traballo, e aínda persiste, nunha gran proporción, o medo a perder oportunidades de emprego ou de promoción interna.
Na actualidade existen varias leis que nos dan ferramentas para que os centros de traballo sexan un ambiente laboral seguro, amable e libre, pero é necesario coñecelas, transmitilas ao conxunto das persoas traballadoras e exixilas, xa que só así aseguraremos o seu cumprimento.
Dende a Federación de Ensino de CCOO exiximos que se continúe avanzando cara á igualdade efectiva e se apliquen as normativas educativas, laborais e sociais, en especial as vinculadas á educación afectivo-sexual, para evitar calquera tipo de violencia ou desigualdade.
Descarga o cartaz “Ao traballo con orgullo”
Nova relacionada: Ao traballo con Orgullo. Das leis á realidade.

