A crise económica que provocou os recortes parece que quedou instalada, a pesar de que os índices económicos reflicten melloría. As condicións laborais de traballadores e traballadoras empeoraron considerablemente (aumento na porcentaxe de persoal temporal, gran número de prazas vacantes e baixas sen cubrir) aumentando a carga de traballo e repercutindo na súa seguridade e saúde, situacións que se viron especialmente agravadas neste curso. Mais non estamos falando da empresa privada, estamos falando da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
CCOO demanda o cumprimento da lei de modo preventivo e a corrección das deficiencias antes de que se produzan os accidentes ou aparezan as enfermidades profesionais, informando e formando os seus traballadores/as, dándolles a capacidade de protexerse fronte os riscos. Por iso a empresa ten que avanzar no coñecemento das condicións laborais dos traballadores/as facendo avaliación de todos os centros e postos de traballo.
CCOO demanda un Servicio de Prevención propio da Consellería, cun equipo técnico suficiente e con recursos económicos, adaptados ao volume de traballadores/as, e tamén do alumnado; con servizos provinciais e coordinadores de prevención de riscos laborais nos centros debidamente formados e con recursos.
CCOO demanda o cumprimento das obrigas marcadas pola lei, activando os comités provinciais de Seguridade e Saúde Laboral e o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral.
Os recoñecementos médicos aos traballadores/as deben xeneralizarse e facerse cos mesmos prazos que teñen os/as das outras consellerías, publicitándoos por todos os medios, incluído o DOG.
CCOO esixe a revisión e actualización do catálogo de enfermidades profesionais. Demandamos un catálogo de postos de traballo para recolocar aqueles traballadores e traballadoras afectados por algunha incapacidade que non lles permita desenvolver o seu traballo.
CCOO demanda o desamiantado nos centros, empezando polos que teñan máis risco, cumprindo as medidas de seguridade establecidas no RD396/2006, do 31 de marzo, e o establecendo un catálogo da existencia dese material nos centros con protocolos de actuación para a súa detección, conservación e retirada. Non podemos obviar que ao se tratar de centros educativos e dun material altamente perigoso, estas obras deben realizarse en período non escolar, para así ter a certeza de que ao regreso do alumnado e dos traballadores e traballadoras non existe risco pola existencia das fibras deste material.
Demandamos que non haxa gas radon nos centros, pedimos a Consellería que faga os estudos necesarios para determinar os niveis de concentración de radon de acordo co Consello de Seguridade Nuclear e poña en marcha plans de prevención que cumpran coa normativa vixente. É urxente facer estas correccións e evitar que este axente canceríxeno supoña un risco para a saúde dos traballadores, as traballadoras e alumnos/as.
Investir en prevención e investir en seguridade e saúde, que, por suposto, repercute no benestar das traballadoras e traballadores e finalmente na empresa.
POR UN TRABALLO SEGURO NO ENSINO:
É A TÚA SAÚDE, É O TEU DEREITO.