25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 

EN NEGRO, CONTRA A VIOLENCIA

CCOO ensino quere sumarse á campaña que dende o 2015, vén difundindo o Concello de Santiago de Compostela, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.