Valoración de CCOO Ensino do inicio do curso 23-24

CONTIDO COMPLETO DA NOTA DE PRENSA REMITIDA AOS MEDIOS:

A Consellaría de Educación segue recortando unidades e postos de traballo

CCOO Ensino reclama medidas reais e efectivas para mellorar a calidade do sistema educativo e ameaza con mobilizacións do profesorado neste inicio de curso.

ENSINO PÚBLICO

A Consellería de Educación publica no DOG do 18 de agosto as modificacións das unidades e postos de traballo docentes nos centros públicos de educación infantil e primaria e de educación especial. Título eufemístico que oculta un novo recorte de unidades e postos de traballo.

Analizada a orde, as conclusións son claras e amosan un balance de 54 unidades eliminadas e 72 postos de traballo estruturais destruídos (o curso pasado correron a mesma sorte 96 postos). O sindicato non entra a valorar as palabras do conselleiro de Educación coas que afirma que este curso haberá 370 docentes máis ca o anterior, xa que os datos non son aínda definitivos, pero o que é indiscutible é a destrución deses 72 postos estruturais nas etapas de infantil e primaria.

No contexto actual, CCOO propón unha serie de medidas para conseguir unha mellor e máis individualizada atención educativa do alumnado. Aproveitando a oportunidade que supón o descenso de natalidade, é o momento de acometer a redución de ratios nas aulas. Para CCOO, este é un elemento prioritario na negociación para este curso.

Do mesmo xeito, cómpre recuperar as 18 horas lectivas en secundaria e as 21 horas no corpo de mestras e mestres, o que permitiría dedicar máis tempo ás coordinacións e dinamizacións de actividades, que son esenciais para a mellora educativa do alumnado.

Tamén se debe activar o Acordo de agrupamentos asinado por CCOO co Goberno do PP no ano 2009 e cuxa aplicación está adiada desde o 2010 coa escusa da crise económica. Este acordo establece unhas ratios máximas cando na mesma aula hai alumnado de diferentes niveis ou etapas educativas, o que supón unha mellor atención, fundamentalmente no medio rural, onde se dá con máis crueza esta realidade de redución de postos.

Outro punto importante é reducir o excesivo traballo burocrático ao que se ve sometido o colectivo docente e que, cos anos, pasou a ocupar boa parte da xornada laboral do profesorado en detrimento doutras tarefas máis importantes.

Se a Consellería non aborda a negociación destes asuntos, CCOO advirte de que iniciará mobilizacións do profesorado.

Cuestión importante neste inicio de curso é tamén o mantemento da voluntariedade na realización do período de adaptación do alumnado de Educación Infantil (3 anos). Desde a organización sindical maniféstase o profundo rexeitamento a esta voluntariedade. Negar que se trata dunha ferramenta psicolóxica e pedagóxica, que axuda as nenas e nenos a iniciarse nos centros educativos, e falar do suposto dereito das familias a decidir só pode responder a unha profunda demagoxia.

Do mesmo xeito, cómpre incrementar os complementos económicos aos equipos directivos e responsables de centros de menos de tres unidades, xa que as contías que perciben estas persoas actualmente non son acordes á responsabilidade que asumen.

En definitiva, o PP segue a folla de ruta de poñer trabas para non aplicar a nova lei educativa (LOMLOE) na súa totalidade no que se refire a determinados aspectos como a promoción de curso na ESO (CCOO xa ten interposto recurso no xulgado) ou a creación da figura de«coordinador/a de benestar e protección», algo ao que a Consellería está obrigada pola Lei de protección integral da infancia e adolescencia fronte áviolencia, pero sen dotación horaria suficiente para desenvolver as funcións que corresponden por lei.

 

ENSINO PRIVADO

CCOO Ensino denuncia que o acordo de mantemento de emprego asinado en xuño pola Consellería, as patronais do ensino concertado e os sindicatos «amarelos» (FSIE e USO) é por e para o beneficio económico das patronais. Este acordo favorece o despedimento do persoal docente afectado polas posibles reducións de unidades. A Administración autonómica aportará 6000 euros para facer fronte á indemnización por despedimento e, por riba, non garante a recolocación das persoas afectadas nin tampouco recolle ningunha das propostas presentadas por CCOO ante a Consellería.

Doutra banda, neste inicio de curso, a Consellería procedeu á regularización de horas en pagamento delegado nos centros concertados sen ningún tipo de negociación previa coas organizacións sindicais, pero si coas patronais. Hai que destacar que esta redución de horas afecta a numerosos postos de traballo que se poderían ver suprimidos.

 

Respecto ao sector privado de educación infantil, CCOO celebra o éxito da xornada de folga convocada en xuño e que mobilizou en Santiago de Compostela a centos de traballadoras. Ante a persistencia do bloqueo nas negociacións do convenio e, dadas as pretensións das patronais de precarizar aínda máis este colectivo, prevese que continúen as mobilizacións no sector ao longo do primeiro trimestre de curso.

 

PSEC (PERSOAL DE SERVIZOS EDUCATIVOS COMPLEMENTARIOS)

O sindicato esixe a planificación das necesidades de persoal coidador para poder empezar o curso co alumnado perfectamente atendido, tal e como recolle a normativa vixente de atención á diversidade en Galicia.

 

COMÚN A TODOS OS SECTORES

CCOO Ensino reclama que non se estableza ningunha cláusula na lei de acompañamento dos orzamentos para o ano 2024 que restrinxa a aplicación de determinado articulado de acordos e convenios que impliquen un incremento económico. Estas cláusulas supuxeron nos últimos anos importantes incumprimentos por parte da Consellería en canto a dereitos acordados como o pagamento do verán ao colectivo interino, o gozo de días de asuntos propios, as compensacións por domingos e festivos, o pagamento de antigüidade no ensino concertado, a xubilación aos 64 anos para o PSEC ou importantes reducións no Fondo de Acción Social.