Solicitude de actualización dos gastos de locomoción

En virtude do “Acuerdo Marco para una Administración del Siglo XXI”, asinado por CCOO e o Goberno de España o 19 de outubro de 2022, no seu punto noveno recóllese a actualización dos importes dos gastos de desprazamento derivados da prestación de servizos.

Como resultado das negociacións levadas a cabo co Goberno Estatal no ámbito deste Acordo Marco, vén de publicarse no día de onte no BOE, número 169, a “Orde HFP/792/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das dietas e asignacións para gastos de locomoción no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”.

O artigo único desta orde establece a exclusión no IRPF dunha cantidade equivalente a 0,26 euros por quilómetro percorrido, sempre que se acredite o desprazamento, ademais dos gastos de peaxe e aparcadoiro debidamente xustificados.

Neste sentido, CCOO solicítalle á Dirección Xeral de Función Pública que proceda á maior brevidade posible á actualización da contía dos gastos de locomoción na Comunidade Autónoma de Galicia, pasando de 0,19 € a 0,26 € por quilómetro, de acordo coa entrada en vigor desta orde no mesmo día da súa publicación no BOE.

Luz López Pérez, Coordinadora da Área Pública de CCOO, destaca a importancia desta actualización para garantir condicións xustas e equitativas para as traballadoras e os traballadores do sector público, así como para asegurar un reembolso axeitado dos gastos nos desprazamentos necesarios para o desempeño das súas funcións.

 

Ver documento orixinal da solicitude