En breve publicarase unha nova addenda á disposición transitoria cuarta do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparte ensinanzas distintas das universitarias.
No próximo mes de xuño do ano 2022 prevese o comezo do desenvolvemento dos procedementos selectivos de ingreso e acceso a distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Orde do 28 de xaneiro de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 31 de xaneiro.
Ao abeiro da lei 20/2021 do 28 de decembro de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, prevese unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal polo sistema de concurso. Debido o ínfimo número de prazas convocadas no concurso oposición e a convocatoria do concurso de méritos mostramonos favorables a asinar a non obrigatoriedade a presentarse nos procedementos selectivos do ano 2022 ao persoal interino e substituto.
Por esta razón, engádese unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO, UGT-SP ENSINO e CSIF e polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa seguinte redacción:
Disposición transitoria cuarta: O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoquen no ano 2022.

