A Federación de Ensino de CCOO sinala que o artigo 117 da LOE, que regula os concertos educativos e o pagamento delegado, quedou obsoleto en moitos dos seus apartados. Por iso, no actual proceso de tramitación da nova lei educativa, que xa pasou pola Mesa de Concertada do Ministerio e polo Consello Escolar do Estado, CCOO presentou as seguintes propostas de carácter laboral:
• Equiparar no prazo de tres anos o salario do profesorado do ensino concertado co do profesorado interino dos respectivos niveis educativos da súa comunidade (que xa é igual ao do profesorado funcionario en sexenios e titorías).
• Separar na partida de «outros gastos» os salarios do persoal de administración e servizos dos necesarios para o mantemento dos colexios, e que todo este persoal teña acceso ao «pagamento delegado», con criterios análogos aos aplicados aos centros públicos do ámbito territorial correspondente.
• Regulara partida para a atención do persoal complementario de unidades e centros de educación especial, e que este persoal teña acceso ao «pagamento delegado».
• Clarificar os conceptos que se han aboar coa partida de «gastos variables». Debe incluír claramente a «paga extra de antigüidade» (evitando que se negue o seu aboamento nalgunhas comunidades) e prever a percepción doutros compoñentes salariais, variables ou unipersoais (similares aos do ensino público), que recoñezan as consellerías.
• Que as comunidades autónomas definan nos seus orzamentos os seus propios módulos de concertos, adecuados ás ratiose aos complementos autonómicos, para facilitar o seu cumprimento e a equiparación.
• Darlle prioridade de acceso ás vacantes en centros concertados ao persoal que viñera prestando servizos noutras unidades concertadas suprimidas.
• Mellorar a publicidade das vacantes nos colexios concertados, e aumentar a participación e a transparencia na contratación e o despedimento.
• Reducir a xornada lectiva a todo o profesorado maior de 55 anos que o solicite, sen redución das súas retribucións.
• Suprimir a disposición que permite ampliar o horario lectivo de áreas ou materias por riba da normativa xeral.
Desde CCOO continuamos traballando en mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do ensino concertado.

