A modificación presentada pola Consellería implica respectar a antigüidade do profesorado nas listas, considerando Orientación como unha especialidade máis, e recoñece o tempo traballado nela para os efectos de ordenación da propia lista, prestáranse ou non servizos noutra especialidade.
CCOO-Ensino en ningún momento se opuxo a esta proposta, aínda que dende o sindicato apostabamos por unha solución que consideramos mellor, de forma que a lista estaría organizada en dous tramos:
- Por unha parte, todas aquelas persoas que prestasen servizos pola lista de orientación conformarían unha lista estable en función da antigüidade na que comezasen a traballar, na lista de orientación ou en calquera outra. Esta proposta ten por obxecto non desperdiciar a experiencia acumulada por aquelas persoas que xa viñan traballando na lista de orientación.
- Por outra, o profesorado que se incorporase posteriormente ao cambio de criterio, faríao nunha lista dinámica.
Desde CCOO-Ensino, lamentamos que esta organización sindical se dedique a publicar as intervencións das demais organizacións dun xeito que leva a equívocos. O colectivo afectado xa coñecía de antemán a nosa proposta, pois xa o informaramos .
Animamos esta organización sindical a que nos pregunte cando non entenda algunha das nosas intervencións, igual que o fan os nosos alumnos e alumnas; a non ser que teñan algunha escura intención de informar mal o colectivo.

