Outro ano máis, e xa van trece, sen recuperar as axudas do Fondo de Acción Social

O 2 de maio de 2024 tivo lugar a reunión da mesa delegada de negociación do FAS na que CCOO votou EN CONTRA dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023 principalmente porque a administración non aceptou a nosa proposta relativa ao pagamento mensual da axuda para a atención de persoas con discapacidade para todo o persoal da administración (persoal laboral, persoal laboral funcionarizado e persoal funcionario) e porque non se recuperan a totalidade das axudas que foron suprimidas hai anos co pretexto da crise económico e porque non se incrementa a dotación orzamentaria ata o 1% da masa salarial.

Con respecto á nosa proposta de pago mensual, a administración respondeu que ían analizar a petición sindical, pero que para poder aboar esta axuda mensualmente terían que dispoñer de 2 millóns de euros e terían que sacar o crédito doutro sitio.

Polo que respecta á nosa proposta de que se incluísen na proposta deste ano todas as axudas que se recollían no fondo do ano 2011 e que a dotación mínima do fondo se incrementase ata o 1% da masa salarial, a representación da administración manifestou que iso non era posible xa que este deriva do establecido na lei de orzamentos deste ano.

Ademais, ningunha das alegacións presentadas por escrito por CCOO foi aceptada. Polo que as reiteramos novamente na mesa facendo especial fincapé nas seguintes:

  • Que, tal e como viñamos demando dende había anos, necesitabamos coñecer os motivos polos que se continúa suprimindo da proposta deste ano o apartado 6.3 relativo aos criterios de reparto do remanente resultante despois de garantir a percepción da contía mínima establecida.
  • Que, de acordo co que viñamos demandando de hai anos, se debía solicitar ao Ministerio de Facenda que baixe as retencións practicadas ás axudas concedidas.

Para finalizar, a representación da administración manifestou:

  • Que para que o pagamento o fixeran as consellerías sería necesario sacar unha norma nova.
  • Que a publicación da convocatoria do FAS no DOGA estaba prevista para o día 15 deste mes.