Oferta de emprego para o ano 2020

Para o ano 2020 ofértanse 2036 prazas entre reposición e estabillización (902 e 1134, respectivamente), tan só superada pola do ano 2007. Esta nova oferta é consecuencia do acordo estatal acadado por CCOO e outras organizacións sindicais, que permitiu amplas OPE dende o ano 2018 .

Con este acordo pretendíase volver a acadar porcentaxes de interinidade que se mantivesen arredor do 5 %. A oferta  de 1134 prazas de estabilización situaríanos por debaixo do 6 % pero moi cerca deste díxito (5,89 %). Estariamos así a cumprir o asinado no acordo de acceso a listas de interinidades e situariámonos de forma excepcional en comparación co resto das comunidades autónomas. 

Esta oferta merece unha valoración positiva por parte de CCOO Ensino, ao igual que a oferta de cátedras que vai supor melloras profesionais para un amplo número de docentes.

Solicitamos os criterios utilizados para ofertar prazas de determinadas especialidades e non doutras. En todo caso, demandamos a oferta de portugués e equilibrio na oferta en FP con respecto ao corpo de PES e esiximos coñecer a oferta de maneira inmediata co fin de facilitar o traballo dos opositores e opositoras.

Por outra banda, criticamos a publicidade propia dunha campaña preelectoral, na que se maquillan os datos da oferta engadindo as prazas de promoción interna, xa que a oferta é o suficientemente importante como para non precisar deste tipo de argucias.

  VER INFÓRMATE EN PDF