O Ministerio de Educación non resposta ás demandas de CCOO na Mesa Sectorial do Estado

Tras máis de catro meses o Ministerio de Educación convoca a Mesa Sectorial do Estado con carácter meramente informativo e con nula intención de chegar a acordos cos representantes do profesorado que permitan garantir un curso con carácter presencial e con seguridade.

CCOO demandou a regulación normativa e por real decreto lei dunha rateo máxima de 20 estudantes por aula, asegurar a presenza de persoal sanitario en todos os centros educativos, así como o reforzo dos servizos de prevención e a asignación á  actividade educativa  do nivel 2 de risco con carácter xeral.

CCOO esixe que os fondos dedicados a educación teñan carácter finalista para resolver unicamente a problemática xerada pola aparición da COVID19  e se adiquen á redución de rateos e polo tanto á contratación dos traballadores e traballadoras que sexan necesarios, á dotación de material aos centros e a eliminación das fendas dixitais que supón a semipresencialidade no ensino que se está a dar nalgunhas etapas así como a teledocencia.

A Galicia correspóndenlle 93 millóns de euros dos fondos COVID. A contratación de 847 profesoras e profesores para ESO, Bacharelato e FP ten un gasto duns 34 millóns de euros polo que quedarían libres case dous tercios dos fondos destinados á nosa comunidade. Eses fondos deberan investirse na contratación de profesorado para reducir as rateos de modo xeral  a 20 alumnos, á contratación do persoal non docente necesario,especialmente o persoal de limpeza, na dotación de EPIs e material de protección así como todo o necesario para abordar a semipresencialidade e a teledocencia. Non se poden incluír nestes fondos as contratacións dos programas PROA e ARCO porque irían a asignacións orzamentarias diferentes e ademáis veñen desenvolvéndose ano tras ano polo que non poden vincularse á situación provocada pola pandemia.

CCOO-ensino lémbralle á administración educativa galega que ten que cumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais realizando a avaliación de centros e postos de traballo con carácter inmediato. Na actualidade están pendentes de resolución todas as solicitudes de persoal pertencente a colectivos vulnerables aos que hai que responder de forma individualizada en función da súa problematica de saúde persoal e da función que realiza. 

CCOO insiste na necesidade de abordar a regulación do teletraballo. É imprescindible garantir as condicións laborais das e dos traballadores (horarios, dereito á desconexión dixital…), a calidade educativa e o dereito á conciliación laboral e persoal dos traballadores e as traballadoras do ámbito educativo, así como a dotación dos medios materiais, informáticos e de conectividade necesarios. 

O anuncio da ministra de atender as demandas das CCAA de contratar profesorado substituto sen mestrado para os corpos de secundaria pon de manifesto a minusvaloración da profesión docente. O mestrado é un requisito necesario que de non darse, reduce a docencia a unha función meramente instrutiva. Desde o sindicato defendemos que se debe priorizar a contratación de profesorado coa formación pedagóxica necesaria e só en casos moi excepcionais e de modo transitorio recorrer á contratación de persoal sen ese requisito. Ademais CCOO considera que a este profesorado debe impartírselle a formación pedagóxica e didáctica necesaria para o desenvolvemento do seu labor. CCOO incide ademais en que hai que modificar de modo transitorio a lexislación para ter as garantías xurídicas e normativas para aplicar esta medida, tendo en conta que os requisitos de acceso figuran tanto na LOE como no RD276 de acceso.

CCOO demanda dialogo tanto ao Ministerio como á Consellería para abordar un curso atípico e marcado pola evolución da pandemia da COVID19 e así poder resolver de forma coparticipada  todas as cuestións necesarias para un ensino de calidade e con seguridade para as e os traballadores e o alumnado.