ACORDO DE HOMOLOGACIÓN SALARIAL DO PROFESORADO GALEGO
Tras o desencontro que se produciu na negociación da homologación salarial na última mesa sectorial do mes de xuño, romperon as negociacións. CCOO ensino non podía aceptar o incremento de 80 € e a súa aplicación entre os anos 2018 e 2021 porque esa cantidade non nos permitía ocupar o mesmo lugar no que nos situara o acordo de 2006.
Tivemos que agardar ata mediados de xullo para que a Consellería mellorara a súa última proposta cunha cantidade de 90 € mensuais, que se a aplicará entre os anos 2018 e 2021 e incrementando os dous primeiros prazos.
CCOO Ensino xa advertira á Administración que, de non presentar un calendario do acordo que non rematase en 2020, consultaría a súa afiliación a pertinencia ou non de asinar o acordo.
Esta consulta celebrouse entre os días 16 e 17 de xullo. Contou cunha participación do 53,71 % da afiliación e deu uns resultados favorables ao asinamento do acordo do 80,34 %.
Sabiamos que nas datas en que nos movemos non era doado obter un alto índice de participación, polo que consideramos moi positivo que máis do 50 % da afiliación participara na consulta.
Con estes datos, CCOO ensino decide asinar o acordo cun moi amplo apoio da súa afiliación.
Os dous primeiros prazos que se aplicarán deste acordo (en outubro de 2018 e xaneiro de 2019) supoñen un incremento de 35 € mensuais.
Se tamén consideramos as cantidades incrementadas froito do acordo estatal do 9 de marzo de 2018, supón que en xaneiro de 2019, a suba media para o profesorado galego será de 136 € mensuais con respecto á nómina cobrada no mes de xuño de 2018.