Dado o masivo seguimento dos primeiros paros convocados os días 19 e 25 de outubro, esperábase que a convocatoria en Madrid fose notable. E así foi. Máis de 1.000 delegadas e traballadoras do sector, en representación de diversas comunidades autónomas, seguiu sumando forza para a Mesa do próximo 2 de novembro, na que se pretende desbloquear a negociación que mantén en situación de precariedade a miles de traballadoras de escolas infantís privadas e de xestión indirecta desde hai máis de dous anos.
A acollida de hoxe volve deixar constancia do malestar do conxunto das traballadoras do primeiro ciclo de Infantil e das súas reivindicacións, e aumenta aínda máis a presión sobre as patronais para a futura negociación que, de non avanzar substancialmente, será respondida con novos chamados ao persoal destes centros e familias para que participen nas próximas convocatorias, previstas para o 8 e o 15 de novembro, e que poderían continuar se fose necesario.
CCOO convocara en solitario as xornadas de folga, ante a negativa doutras organizacións sindicais, pero sempre apelando a que a unidade sindical é a medida de presión que permitirá avanzar na Mesa de Negociación e mellorar as condicións que as traballadoras do 0-3 seguen enfrontando.
As principais esixencias das traballadoras do sector, apoiadas por CCOO, son mellorar as súas retribucións e condicións laborais, xa que estas non se corresponden coa responsabilidade que asumen nin coa formación que se lles esixe, e que resultan impropias para quen realiza actividades de docencia na etapa preescolar.
Cobertura da mobilización nos medios de comunicación: