Mesa Sectorial 26 de maio de 2022: RD integración do Profesorado Técnico de FP no corpo de Profesorado de Ensino Secundario

Na Mesa Sectorial do 26 de maio co Ministerio de Educación tratamos o borrador de Real Decreto de Integración do PTFP no corpo de PES. Este borrador recolle:

  • 19 especialidades pasan a estar integradas no corpo de PES. Outras 10 especialidades pasan a conformar o corpo de especialistas en sectores singulares da FP.
  • Establécense as modificacións normativas necesarias para manter a atribución docente no novo corpo.
  • Establécense as modificacións necesarias no RD 276/2007 de acceso e ingreso para que os requisitos de titulación actuais non cambien. Así as especialidades que pasan ao corpo de PES enmárcanse no Anexo V e as 10 especialidades do novo corpo de especialistas en sectores singulares da FP quedan ao Anexo VI permitindo o ingreso coa titulación de Técnico Especialista ou Técnico Superior.

Con respecto ao proceso de integración no corpo de PES:

  • O proceso será convocado por cada Comunidade Autónoma.
  • Só será necesario a presentación da solicitude e o requisito de titulación
  • Calquera titulación universitaria será válida: Diplomatura, Enxeñerías Técnicas, Arquitectura Técnica, Licenciatura, Grao, Enxeñería e Arquitectura.
  • O profesorado das 10 especialidades que conforman o corpo en sectores singulares da FP que na data da convocatoria de integración teñan algunha das anteriores titulacións tamén poderán pasar ao corpo de PES.
  • Os efectos de integración terán carácter retroactivo dende a data de entrada en vigor da LOMLOE: 19 de xaneiro de 2021.
  • Despois do prazo ordinario queda aberta a posibilidade de solicitude de integración, para todos aqueles que acaden a titulación posteriormente, ata o 19 de xaneiro de 2026.
  • As listas do profesorado interino das especialidades que pasan a secundaria pasarán a ser deste nivel e serán contratados como PES

Pero non todo é positivo xa que o Ministerio deixa fora do efecto retroactivo ao profesorado en prácticas e ao profesorado interino. O profesorado en prácticas no momento da integración recoñeceráselle o efecto retroactivo só dende que aprobaran as prácticas. Da mesma forma o profesorado das 10 especialidade en sectores singulares que non se integren no corpo de PES na primeira fase do proceso queda fora da aplicación aínda que teña titulación universitaria.

Propostas de CCOO en relación ao borrador de RD:

  • Aplicación de todos os efectos e do carácter retroactivo completo a todo o profesorado que cumpre os requisitos, tamén ao profesorado interino e en prácticas.
  • Establecementos de prazos que aseguren que unha vez publicado o RD, as convocatorias das diferentes CCAA realizarán o trámite de forma simultánea. 
  • Aplicar ese efecto retroactivo desde a entrada en vigor da LOMLOE ás persoas que cumprindo os requisitos se xubilaran dende o 19 de xaneiro de 2021. 
  • Asegurar explicitamente que se teñen en conta tamén para o ingreso docente as titulacións contempladas nas adicionais quintas dos RD de ordenación dos ciclos.  
  • Converter en indefinido, aberto e permanente o prazo para ter e presentar o requisito despois do prazo inicial. 
  • Establecer un complemento de equiparación salarial para os PTFP que quede no corpo a extinguir e o profesorado das 10 especialidades que non se integren no corpo de PES por carecer de titulación universitaria.

O Ministerio rexeitou as nosas demandas. Informa que o RD podería estar publicado no primeiro trimestre do curso 2022/23 e que a partir desa data as CCAA poderán publicar as súas convocatorias.

Á marxe das propostas de inclusión no RD advertimos ao Ministerio que unha vez conseguida esta integración CCOO seguirá loitando tamén pola súa reivindicación histórica de que todos os corpos docentes sexan grupo A1, incluíndo o corpo de mestres e o corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.