A Consellería de Educación contestounos que, mentres non se aproben os orzamentos autonómicos, non se farán efectivos os incrementos salariais de 30 euros no complemento autonómico (consonte o establecido nos acordos de 2018 asinados por CCOO para garantir os mesmos incrementos aplicados ao ensino público). Tampouco aplicarán o 0,9 % de incremento no salario base e trienios, establecido nos orzamentos do Estado. Cando se faga efectivo, suporá un incremento de entre 46 e 50 euros brutos nas nosas nóminas.
A aprobación dos orzamentos está prevista para a primeira semana de febreiro. Comunícannos que o incremento sería efectivo na nómina de febreiro ou marzo. Incluiríanse os atrasos dende o 1 de xaneiro.
Persoal que non está en pagamento delegado
Canto ao persoal que non está en pagamento delegado, as patronais non atenden ás reclamacións de incremento salarial que lles transmitimos, nin á aplicación do 0,9 % recollido nos orzamentos do Estado. Queren vincular a aprobación das táboas salariais á marcha da negociación do VII Convenio Colectivo e á aceptación as súas demandas, como o incremento de xornada lectiva, flexibilidade e cómputo anual.
CCOO rexeitamos a postura das patronais. É inaceptable a súa pretensión de utilizar os incrementos salariais que lexitimamente lles corresponden a estes traballadores e traballadoras como arma de chantaxe na negociación. Urxe desagregar no módulo as cantidades destinadas ao pagamento de salarios deste persoal e esixir o pagamento delegado para todas as persoas que traballan nos centros concertados.