Implantación do rexistro horario nos CENTROS CONCERTADOS

O pasado 23 de maio celebrouse unha reunión da Mesa Negociadora para abordar un tema especialmente complexo que seguirá sendo obxecto de debate en próximos encontros. CCOO entende que o rexistro de xornada resulta positivo para os traballadores e traballadoras no control dos seus dereitos e, por tanto, é imprescindible establecer unhas bases no marco da negociación colectiva que lles facilite aos centros o cumprimento da normativa vixente.

Con todo, ese desexo atopa algunhas dificultades obxectivas para a súa materialización, especialmente entre o persoal docente. Queremos destacar:

  • A regulación das horas non lectivas en termos anuais fai que, se ben non parece que deba existir unha especial dificultade para o control horario das actividades lectivas, si pode habela no resto do horario.
  • A problemática existente no relativo ao descanso e o recreo. Colateralmente, a posible vixilancia do comedor.
  • O tempo de traballo na casa, sobre o que existe unha total ausencia de definición no convenio. 
  • O control horario sobre as actividades realizadas fóra do centro e a súa asimilación: visitas escolares, viaxes de estudos, formación externa…

Baseándose no anterior, a Federación de Ensino de CCOO considera imprescindible:

  • Esixir a elaboración do calendario laboral a principios de curso, de xeito que recolla os horarios de traballo de todo o persoal e permita avanzar na determinación do cadro horario de cada docente con sinalización das súas actividades lectivas, non lectivas e asimiladas.
  • Concretar os criterios para a distribución das actividades non lectivas.
  • Establecer mecanismos de rexistro do traballo realizado con soporte informático fóra do centro de traballo, así como o das saídas co alumnado, tanto con durmida como sen ela. 
  • Garantir o acceso dos representantes sindicais ao control horario e establecer as indicacións necesarias que salvagarden a protección de datos e o dereito á intimidade.

Desde CCOO defendemos a idea de que todo o traballo realizado debe de ser rexistrado, sen excepción. Non aceptamos a visión patronal de que o traballo na casa a través de plataformas dixitais é meramente voluntario. Existe unha presión das direccións dos centros para atender o alumnado e as familias fóra do horario estritamente laboral, e cremos que a aplicación da nova normativa ofrece unha magnífica oportunidade para empezar a poñer límites á dedicación de tempo familiar e persoal a cuestións laborais.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS