ÉXITO ROTUNDO NA XORNADA DE LOITA CONTRA AS REVÁLIDAS

O alumnado e as familias lograron de sobra o seu obxectivo. Unha felicitación e un recoñecemento especial as organizacións estudantís (SE) e ao movemento asociativo de nais e pais (CONFAPA-GALICIA), polo éxito indudable da súa convocatoria para acadar o baleirado das aulas. Tamén felicitamos ao profesorado e ás organizacións que os representan pola súa colaboración no éxito desta xornada.

Dende CONFAPA, CCOO-Ensino, FEsP-UGT, IESGA, SE, Escola Viva  e STEG instamos á Consellería de Educación e ao Parlamento galego que tome nota do acontecido onte e xestionen o sentir da comunidade educativa galega. Aos grupos políticos que nos apoiaron pedímoslles que cumpran os seus compromisos con esta Plataforma e promovan iniciativas no Parlamento galego e español que acaben dunha vez co sufrimento do alumnado, familias e docentes, e que comecen o camiño da derrogación da LOMCE e dos recortes.

Tamén queremos expresar a predisposición de CCOO ensino (e o resto de organizacións desta Plataforma), a participar nun proceso de diálogo, con quen teña competencias para promovelo, para acadar un acordo social que se concrete finalmente nun acordo político para superar esta desolación da LOMCE, que sexa derrogada e substituída por unha nova lei de consenso que dure cincuenta anos.

NON ÁS REVÁLIDAS

DERROGACIÓN DA LOMCE

REVERSIÓN DOS RECORTES NA EDUCACIÓN.