Na xuntanza co Conselleiro anunciábase que co obxectivo de reducir a mobilidade, a partir do mércores 27 de xaneiro e ata o mércores 17 de febreiro, os conservatorios de música e danza e as escolas oficiais de idiomas pasarán a un ensino de carácter non presencial. Finalmente se incrementaron os centros con esta suspensión tal e como se publica no DOG. (PREME PARA VER O DOG)
O DOG PUBLICA QUE SUSPENDEN A ACTIVIDADE LECTIVA OS SEGUINTES CENTROS:
- Escolas oficiais de idiomas.
- Escolas de arte e superior de deseño.
- Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
- Escola Superior de Arte Dramática
- Conservatorios de música.
- Conservatorios de danza.
- Escolas de música.
- Escolas de danza.
- Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol; centros autorizados de fútbol sala.
- Centros autorizados de artes plásticas e deseño.
- Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.
- Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.
Ás preguntas de CCOO-Ensino sobre que pasaría cos centros que imparten outro tipo de ensinanzas de réxime especial, e en concreto polas ensinanzas artísticas superiores (Arte Dramática, Restauración, Deseño), o xonselleiro non concretou e respondeu que estaban pendentes de valoración.
O mesmo ocorre con ensinanzas como as de bacharelato de adultos e as de formación profesional de carácter modular, que implican moita mobilidade do alumnado ao impartirse unicamente en certas localidades. A resposta do responsable de Educación foi a mesma.
CCOO-Ensino solicitou que no caso do resto de ensinanzas non universitarias non se tomasen medidas de modo homoxéneo en toda a comunidade autónoma e se tivese en conta o número de casos no centro e os índices de contaxiados, tanto da localidade onde están situados como do propio centro. A resposta foi evasiva e remitíronnos ás decisións que tome o Comité Clínico.
No ensino universitario adíase a entrada do alumnado ás aulas ata o 8 de febreiro e permanecerán en ensino non presencial ata o 17 de febreiro.