Día da Visibilidade Bisexual

Lamentablemente, aínda se manteñen moitas ideas erróneas respecto á bisexualidade. Por unha banda, redúcese a unha fase, a unha moda ou a simple experimentación. Por outra, a idea machista que converte en obxecto o desexo bisexual delas (poucas veces o deles) para a súa propia satisfacción. As persoas bisexuais poden chegar a sentir atracción por máis dun xénero, si, pero non obrigatoriamente ao mesmo tempo nin moito menos na mesma intensidade (hai que eliminar a fundamental equivocación de preguntar polas porcentaxes de atracción sexual). Por todo iso, as persoas bisexuais son cuestionadas, estigmatizadas ou discriminadas, ademais de continuamente empuxadas a reivindicar a súa orientación.

Un estudo en EE. UU. sinala que, no caso das mulleres bisexuais, moitas delas recoñecían volver “ao armario” como unha forma de supervivencia para evitar calquera manifestación de violencia por parte das súas parellas, pois a súa identidade era vista como unha ameaza.

Por todo iso, cremos firmemente que a principal ferramenta para loitar contra a bifobia é a información e coñecer a realidade das persoas bisexuais. Para conseguilo, é necesario ofrecer unha educación afectivo-sexual adecuada no ámbito escolar. E, para poder facelo coa calidade necesaria, o profesorado necesita formación con urxencia.

Desde a Federación de Ensino de CCOO reivindicamos no Día da Visibilidade Bisexual a formación do persoal docente e non docente dos centros, e a presenza dunha educación inclusiva, equitativa, libre de prexuízos e de ideas retrógradas. Menores e adolescentes deben ter acceso a un ensino que lles permita recoñecerse, identificarse e respectarse mutuamente.