Hoxe 11 de febreiro é o día internacional da muller e a nena na ciencia. Este día busca visibilizar o papel das mulleres e nenas na ciencia e a importancia da igualdade de oportunidades na promoción científica.
A ciencia é unha actividade que contribúe ao benestar da sociedade e ao seu desenvolvemento. As mulleres son unha parte importante da ciencia, pero a súa presenza é minoritaria. Segundo a UNESCO, só un 28% das persoas que traballan na ciencia son mulleres. A igualdade de oportunidades é unha condición necesaria para que elas poidan participar na ciencia en igualdade de condicións. A discriminación e a falta de apoio son algunhas das barreiras que enfrentan na súa carreira científica. Por iso, é importante que se faga visible o seu papel na ciencia e promovase a igualdade de oportunidades. Para iso, a UNESCO oferta diversas iniciativas, como o Día Internacional da muller e a nena na ciencia buscando visivilizar a importancia da igualdade de oportunidades na formación científica.
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é unha xornada de celebración e recoñecemento, pero tamén unha data na que se fai necesario facer unha reflexión e unha valoración dos pasos necesarios para avanzar e romper coa enorme brecha de xénero que existe na ciencia entre homes e mulleres. O momento actual lévanos a facer imprescindible unha reivindicación polo talento feminino, especialmente no ámbito STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, artes e matemáticas).
Como exemplo da realidade que vivimos, só un 10% do alumnado en FP de Grao Superior de Informática son mulleres, cando no ano 2000 era un 27%. De igual maneira, só 13 de cada 100 estudantes universitarias de informática son mulleres, mentres nos anos 80 representaban un 30% do total. As escolas, centros de FP e universidades están agora mesmo cheas de nenas e mulleres con soños, desexos e ilusión por ser investigadoras, e é necesario dotar de armas á educación e sociedade para poder impulsar as vocacións STEAM das nosas nenas e mulleres. Construír referentes, mellorar as condicións das persoas investigadoras, especialmente das mulleres, garantir unha igualdade efectiva na selección e o acceso á investigación, permitir o acceso das mulleres á divulgación científica (apenas alcanzan o 20% das publicacións académicas), son algunhas das estratexias que debemos poñer en marcha. Non podemos prescindir da visión das mulleres en ningún ámbito. Por iso, especialmente hai que expandir a idea de que a formación STEAM é imprescindible para a nosa sociedade, xa que estas profesións axudan a: Mellorar a saúde (diagnosticar enfermidades e mellorar tratamentos). Mellorar o medio ambiente (creación de materiais non contaminantes, enerxías alternativas). Mellorar o día a día (ciberseguridade, mellorar a vida de persoas con discapacidade). Mellorar o lecer (videoxogos, apps, técnicas de son, etc.). Desde CCOO Ensino continuaremos traballando para que a presenza das mulleres, inspiradas nas referentes pasadas e presentes, aumente en todos os ámbitos de investigación, nos centros de estudos e nos procesos de toma de decisións, e para que as súas condicións laborais sexan equitativas e xustas, de maneira que poidan continuar achegando para alcanzar unha sociedade máis equilibrada e que represente todas as realidades.

