CCOO non asinará a proposta de mantemento de emprego presentada pola Consellería

‌ infórmaTE

Hoxe, 9 de xuño de 2023, celebrouse a xuntanza extraordinaria da Comisión Tripartita de Ensino Concertado onde se debateu a proposta de mantemento de emprego presentada pola Consellería. No devandito acordo, a única parte beneficiada é a patronal, que consegue un incremento de horas e a aportación de 6000 euros por cada unidade que peche, o que supón o uso de fondos públicos para subvencionar despidos en empresas privadas.

Ningunha das suxestións que recollía a proposta presentada por CCOO foron incluídas neste acordo, obviando por completo as nosas pretensións e deixando ao conxunto de traballadores e traballadoras do sector nunha situación de absoluta desprotección.

Por outra banda, as organizacións patronais quixeron deixar constancia por escrito, explicitamente no acordo ou implicitamente na acta da sesión, de que o feito de usar a bolsa de recolocación para a contratación non implicaría obrigatoriedade en ningún caso. Desta forma, recolocar ás persoas traballadoras que perdan o seu emprego quedaría nun mero acto de boa vontade por parte da patronal.

Tampouco existirá ningún tipo de prelación nas listaxes, nin cláusulas de mobilidade que impidan a recolocación en provincias distintas, nin blindaxe da antigüidade no momento da recolocación. É dicir, desprotección absoluta para as persoas traballadoras do sector que con este acordo non obteñen estabilidade dado que non inclúe absolutamente nada para manter o emprego, máis ben é un documento paliativo, ante o máis que probable peche de unidades, onde as únicas beneficiadas serán as entidades patronais.

Con respecto ao número de aulas obxecto de peche, a Consellería só manifestou que “estamos traballando nese tema”, quedando sen concretar a repercusión que pode ter a máis que evidente baixada de natalidade.

Sorpréndenos o beneplácito do sindicato maioritario que observa avances nesta proposta e celebra xunto coas patronais que “algo é algo” e consideran que podemos “probar a ver que pasa”. Os postos de traballo non son experimentos e os traballadores e traballadoras non somos ratos de ensaio en laboratorios.

Dende CCOO queremos manifestar o noso absoluto rexeitamento a esta proposta, pois isto non é un acordo de mantemento de emprego, senón un parche que beneficiará en exclusiva ás patronais e que supón perder a oportunidade única para non só manter os postos de traballo e recuperar dereitos arrebatados ao sector en Galicia nos últimos anos, senón tamén para mellorar a calidade educativa.