CCOO lembra que os atrasos do ano 2022, para os centros especiais de emprego e para os centros de atención especializada, teñen que ser aboados antes do 30 de xuño

CCOO lembra que as empresas teñen ata o 30 de xuño para aboar os atrasos correspondentes ao ano 2022 nos centros especiais de emprego e centros de atención especializada. A maioría das entidades xa pagaron as cantidades pendentes, pero hai situacións que requiren acción sindical.

Se algunha entidade non cumpre antes do 30 de xuño, poderase reclamar por vía xudicial antes do 30 de xuño de 2024, prazo de prescrición dun ano desde a data máxima acordada para o pagamento dos atrasos. As reclamacións poden ser individuais, ou colectivas en empresas ou centros onde os impagos sexan xeneralizados. En caso de resolución xudicial, poderá condenarse á empresa ao aboamento dos salarios debidos máis un xuro por mora do 10 % anual.

Se a empresa decide non pagar a paga extra de xuño para facer fronte aos atrasos, o prazo de prescrición comezará desde a data establecida polo convenio colectivo para o pagamento da paga extra. A partir do 1 de xullo poderá realizarse a reclamación.