CCOO-Ensino rexeita de maneira rotunda as declaracións de César Pérez Ares, xefe territorial de Pontevedra, e esixe a súa dimisión

CCOO denuncia que o xefe territorial falta á verdade e intenta trasladar ao profesorado interino e substituto a responsabilidade dun problema que atangue unicamente á Administración e amosa un total descoñecemento do funcionamento dos chamamentos e das listas de substitucións. A responsable do chamamento ao profesorado é a Consellaría, que non comezou a realizalos ata o día 9 de setembro, e o profesorado que está nas listas non pode renunciar ás vacantes ofertadas salvo por determinas causas recollidas no Acordo de acceso ás listas asinado por esta organización e non de modo “caprichoso” como deixa entrever nas súas declaracións.

 

CCOO considera que estas declaracións constitúen unha falta de respecto ao colectivo de profesorado substituto e interino e un menosprezo ao labor docente, co único fin de desviar a atención dunha actuación irresponsable por non ter o profesorado necesario nos centros para iniciar o curso con normalidade. CCOO esixe unha rectificación pública por parte do xefe territorial de Pontevedra e a súa dimisión como responsable da Consellaría na provincia.