CCOO-Ensino rexeita as probas de avaliación deseñadas pola LOMCE, que comezarán a celebrarse nos vindeiros días, xa que conciben o sistema educativo como una carreira de obstáculos para o alumnado e deslexitiman a función docente, estigmatizando os centros e os profesionais que desenvolven neles o seu traballo.
A intensa contestación nas rúas a estas probas durante o curso pasado levou a que as probas finais de primaria e secundaria mudaran a ser probas mostrais, pero ese carácter estaba ligado á consecución do pacto educativo. Neste momento, cunha subcomisión parlamentaria formada unicamente por PP e Ciudadanos, esas probas poderían volver ter carácter decisorio na avaliación e na titulación do alumnado.
Pola contra, a avaliación de 3.º de primaria non foi modificada e non variou a súa conformación, polo que seguirá a ser aplicada a todo o alumnado, someténdoo a un diagnóstico temperán de modo parcial, a un estrés innecesario e mantendo as consecuencias que pode ter na promoción do alumnado o feito de non superar a proba.
CCOO-Ensino rexeita estas avaliacións porque lexitiman a repetición de curso como medida para resolver “problemas de aprendizaxe”; porque carecen de rigor técnico e científico; porque non están contextualizadas e non se adaptan á diversidade do alumnado, senón que unicamente avalían contidos académicos; porque son un mero instrumento de fiscalización que anula a avaliación continua e clasifican o alumnado a idades temperás baseándose nun rendemento académico parcial.
CCOO-Ensino pon de manifesto que a non realización destas probas non terá ningunha consecuencia negativa para o alumnado porque aparecerá nas actas como non presentado, tal e como ocorreu en cursos anteriores.
CCOO-Ensino anima a comunidade educativa a boicotear a realización destas probas e apoia as familias e o profesorado na súa decisión.
CCOO-Ensino reitera a súas esixencias de eliminación destas probas e continuará na loita encamiñada a conseguir que desaparezan, pois en nada contribúen á mellora da calidade do ensino, e á completa derrogación da LOMCE e a súa substitución por unha lei de educación que conte co consenso de toda a comunidade educativa.

