As avaliacións finais de etapa de primaria (6º) e secundaria (4º) foron modificadas á espera do pacto educativo. Estas avaliacións xunto coa de Bacharelato perderon o carácter de requisito para poder aprobar. Mais a avaliación de 3º de primaria mantén as mesmas características do curso anterior e a Consellería de Educación volverá a facela os días 30 e 31 de maio con carácter censal a todo o alumnado galego que cursa 3º de primaria, polo tanto CCOO-Ensino volve a rexeitar esta proba:
-
Porque lexitima a repetición de curso como medida para resolver “problemas de aprendizaxe”
-
Porque carece de rigor técnico e científico.
-
Porque deslexitima a función docente, estigmatizando aos centros e aos profesionais que neles traballan.
-
Porque non está contextualizada e non se adapta á diversidade do alumnado.
-
Porque avalía contidos unicamente academicistas.
-
Porque é un instrumento de fiscalización innecesario que anula a avaliación continua.
-
Porque clasifica ao alumnado a unha idade moi temperá en base a un rendemento académico parcial
Calquera tipo de avaliación que non pretenda detectar os problemas do proceso de ensino- aprendizaxe co obxecto de establecer medidas que superen ditos problemas debe ser rexeitada. A avaliación de 3º de Educación Primaria entra dentro desta categoría.
Non realizar esta avaliación non ten consecuencias negativas para a promoción e titulación, pero realizala pode ter como consecuencia a repetición de curso.
CCOO-Ensino apoia a decisión das familias de non participar na realización da proba e facemos un chamamento ao profesorado para que colabore coas familias que tomen a decisión de que os seus fillos/as non realicen as probas.