CCOO Ensino leva desde o inicio da pandemia insistíndolle á Consellería e traballando sobre medidas para afrontar as consecuencias da epidemia no eido educativo, xa que o protocolo elaborado pola Xunta está a amosarse insuficiente, como vimos denunciando.
Lamentablemente, non se tomaron as medidas propostas por CCOO e que estaban na liña do marcado polas autoridades sanitarias como efectivas para evitar os contaxios nas aulas e que a docencia fose o máis segura posible. Tiña que haber maior dotación de profesorado en infantil e primaria, de xeito que as ratios baixasen, dotación de persoal laboral para aplicar todas as medidas hixiénico-sanitarias pertinentes sen prexudicar a docencia, fornecer a todos os centros educativos de equipos de medición dos niveis de concentración de CO2 e termómetros para a medición de temperaturas, etc.
Chegados a este punto e tras o anuncio de onte do presidente Feijóo das novas medidas restritivas, desde CCOO Ensino presentamos unha batería de medidas específicas para aplicar decontado no ámbito educativo.
Por unha banda, urxe facer un novo cribado masivo tanto ao persoal docente como ao non docente, primando aquelas localidades con maior incidencia de contaxios.
Aínda apostando polo ensino presencial, o tratamento dos centros non pode ser homoxéneo en toda a comunidade ou área sanitaria. Non todos os centros son igual de seguros, o que se evidencia no incremento alarmante do índice de contaxios que se está a dar nalgúns. Nestes casos cómpre estudar o peche daquelas aulas ou mesmo centros educativos en que o número de contaxios está a pór en perigo a saúde de profesorado, alumnado e persoal non docente.
Tamén urxe elaborar un plan de reforzo para o alumnado que se está a ver prexudicado polas corentenas e os futuros peches de aulas e/ou centros. Este plan debería aplicarse como un elemento fundamental para evitar que o alumnado perda de novo un ano escolar. Sabemos pola experiencia do confinamento do curso pasado que moito alumnado, especialmente o máis vulnerable desde o punto de vista socioeconómico, tivo dificultades e un prexuízo importante á hora de seguir a teledocencia. Porén, este plan debería pórse en marcha, enfocado a este alumando, fóra do horario lectivo e con profesorado de reforzo.
Non podemos permitir que a pandemia sanitaria provoque unha pandemia educativa, polo que cominamos a Consellería a que escoite as nosas propostas e traballemos xuntos contra a COVID-19, tal e como vimos demandando desde o inicio da pandemia.

