CCOO-Ensino presentou onte un recurso contra as instrucións publicadas no DOG que obrigan a presenza dun membro do equipo directivo nos centros educativos durante o estado de alarma.
Sendo conscientes de que están paralizados os prazos administrativos, CCOO trasladoulles aos grupos parlamentarios do PSOE e de Galicia en Común, a petición de apoio ante o goberno da Xunta para a modificación das instrucións publicadas pois consideramos que estan a vulnerar o RD de estado de alarma que ordena o cesamento da actividade educativa nos centros educativos e limita ao máximo os desprazamentos.
CCOO-Ensino pon de manifesto que se está a xogar coa saúde das traballadoras e dos traballadores facéndoos acudir aos centros, onde non se están a efectuar os labores de limpeza e desinfección desde o inicio desta situación, e ademais cando o traballo que han desenvolver pode facerse de modo telemático.
Esta situación de alarma pode prorrogarse e as condicións de hixiene empeorarán, polo que CCOO-Ensino demándalle ao goberno da Xunta de Galicia que rectifique e que teña en conta prioritariamente a saúde do persoal ao seu cargo. Consideramos imprescindible limitar ao maximo os desprazamentos e non pór as traballadoras e traballadores en situación de risco coas forzas de seguridade por un desprazamento totalmente innecesario.