CCOO-Ensino non asistirá ao Pleno do Consello Escolar de Galicia do 20 de xuño

Con esta medida queremos incidir no profundo malestar que temos como representación sindical no Consello Escolar de Galicia e facer extensible á Mesa Sectorial e outros órganos de representación de Educación pola ausencia de negociación por parte da Consellaría.

Nestes últimos anos, o CEG ficou absolutamente baleiro de contidos, cumprindo unha mera función de revisión formal de decretos de titulacións de FP. En ningún momento do mandato deste goberno se abordou a elaboración de propostas a través de comisións de traballo, como si se fixo noutros momentos. Nin sequera cando o Consello Escolar do Estado abriu a posibilidade de que os diferentes consellos autonómicos puidesen fixar a súa posición no marco do debate sobre a reforma educativa se fixo o mínimo esforzo por levar ao Pleno do CEG ese debate.

As propias Memorias de Actividades do CEG son boa mostra da ausencia de debate e elaboración de propostas sobre cuestións xerais ou particulares do sistema educativo en Galiza e da transformación do que debería ser un foro de reflexión e contraste de ideas e alternativas en materia educativa nun mero trámite. O CEG, máximo órgano de participación en educación, limítase a un debate estéril xa que incluso a Administración Educativa obvia o que que nel se aproba por maioría de forma sistemática.