CCOO asinou o Acordo de 9 de marzo de 2018 co Goberno de España, co que se racha coa dinámica de recortes e conxelacións salariais dos empregados públicos a que se nos someteu dende 2010. Con este acordo, garántese unha suba de 6,12 % que pode ascender ata o 8,79 % de se cumprir as previsións de crecemento económico. A dotación de fondos adicionais que se incorporan nel é a que permite iniciar a negociación da homologación salarial do profesorado galego.
Galicia ocupa o undécimo ou duodécimo lugar da táboa en función dos corpos e antigüidade. O obxectivo é ocupar o sexto lugar, tal como se pretendeu cos anteriores acordos de homologación de 2003 e 2006. Precisamente é a cláusula de garantía destes acordos a que obriga a apertura de negociacións o 22 de maio de 2018.
- A primeira proposta da Consellería de Educación foi ofertar un incremento de 50 euros lineais cunha aplicación entre 2019 e 2021.
- A primeira proposta de CCOO-Ensino foron 130 euros lineais para aplicar entre os anos 2018 e 2019.
Despois de varias mesas sectoriais, a negociación rachouse. A situación nese momento, canto á proposta, foi a seguinte:
ÚLTIMA PROPOSTA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN:
- 80 euros mensuais co seguinte calendario de aplicación:
- 10 euros o 1 de outubro de 2018
- 15 euros o 1 de xaneiro de 2019
- 25 euros o 1 de xaneiro de 2020
- 30 euros o 1 de xaneiro de 202
ÚLTIMA PROPOSTA DE CCOO-ENSINO:
- 100 euros mensuais co seguinte calendario de aplicación:
- 35 euros o 1 de setembro de 2018
- 35 euros o 1 de xaneiro de 2019
- 30 euros o 1 de setembro de 2020
A proposta da Consellería é insuficiente nas dúas variables coas que traballamos: cantidade e tempo de aplicación. Con 80 euros, colócanse en sexto lugar unicamente determinados colectivos do corpo de mestres (entre cero e tres sexenios de antigüidade) e case ningún colectivo do corpo de PES. Ademais, colócanos practicamente na mesma situación ca o sétimo. Se ben é certo que con pouco máis xa nos situariamos no sexto posto, tamén é certo que a segunda variable é inaceptable: non pode aplicarse esta cantidade en catro anos (2018 a 2021).
Como pode observarse, CCOO asistiu ás mesas con boa fe negociadora. Movemos máis as nosas propostas iniciais que a propia Administración educativa, que se ampara na imposibilidade de cambiar o calendario inicial máis alá de adiantar o pagamento de 10 euros tres meses. Só fai falta vontade política para pechar un acordo. Estamos seguros de que podemos acordar as cantidades, pois a Consellería anunciou que pode incrementar a súa última proposta pero mantense ríxida nos tempos de aplicación. Non é de recibo que se pretenda levar o acordo máis alá da lexislatura.
Ante esta incapacidade manifesta da Administración educativa e falta de peso no Goberno galego CCOO-Ensino iniciou unha campaña de mobilización do profesorado. Fixemos dúas propostas ás traballadoras e traballadores:
- envío de correos ao conselleiro de educación,
- envío dunha petición dos claustros para pechar unha negociación que nos sitúe no sexto lugar das comunidades do Estado.
Só o presidente do Goberno pode desbloquear esta negociación. Tal e como declarou onte, ten unha débeda coas galegas e galegos ata o 2020. Apelamos a el e a que cumpra a súa palabra de situar o profesorado galego na parte alta da táboa retributiva e que faga efectivo ese compromiso adquirido cos docentes e que sexa tamén no 2020 e non no 2021 como a última proposta. Non se pode desprezar o profesorado e darlle un trato discriminatorio con respecto a outros traballadores da Administración como os da xustiza ou a sanidade. O profesorado galego sufriu fortes recortes e seguiu mantendo un claro compromiso co ensino público, ata tal punto que os resultados nas probas internacionais, que tanto gustan ao PP, a puntuación de Galicia é superior a moitas comunidades autónomas.
Por todo isto, esixímoslle ao presidente do Goberno que se involucre directamente na negociación desbloqueándoa e cumprindo a súa propia palabra facendo unha proposta seria que nos coloque na parte alta da táboa e que remate a súa aplicación no ano 2020.