CCOO ensino esíxelle á Consellería de Educación a negociación sobre o teletraballo

Logo de que CCOO alcanzara un acordo sobre o teletraballo ratificado hoxe pola Mesa Xeral de empregados públicos estatal, toca negociar no eido autonómico co fin de garantir os dereitos do profesorado que teletraballe na nosa comunidade autónoma.

O acordo co Ministerio de Política Territorial e Función Pública que acaba de alcanzar CCOO no Estado, para a modificación do EBEP que regula o teletraballo nas Administracións públicas, garante que en ningún caso esta modalidade supoña unha mingua nos dereitos das traballadoras e traballadores da Administración. Tamén se salvagardan as garantías en materia de saúde laboral, protección de datos e dereito á desconexión dixital, tal e como esixía o sindicato.

Alén disto, un gran logro desta organización foi a inclusión explícita de que é a Administración correspondente a que ten que dotar e manter os medios precisos na modalidade de teletraballo.

CCOO ensino xa enviara un escrito á Consellería no que se demandaba abrir a negociación da regulación das condicións laborais en situación de teletraballo nas que se inclúa o horario de traballo, as xornadas e mesmo o dereito á desconexión dixital. (VER ESCRITO)

A opción da semipresencialidade que están a usar moitos centros no inicio do curso fai urxente que se clarifiquen todos os aspectos relacionados con esta modalidade e o teletraballo inherente a ela.

Porén, esiximos unha negociación inmediata que permita a regulación do ensino na modalidade de teletraballo en Galicia ao amparo do acordado no Estado.