CCOO ENSINO esixe o desenvolvemento da Lei 2/2014 de igualdade de trato e non discriminacion LGTBI e a posta en marcha real de protocolos para menores e traballadores e traballadoras trans no eido educativo

Este ano transcorrido foi agridoce para os dereitos das persoas trans. Por unha banda, a continuidade no desenvolvemento de leis xurídicas na defensa dos seus dereitos, como foron o proxecto de lei estatal presentada no Congreso dos Deputados para a súa aprobación, que segue pendente, na cal valoramos a preocupación respecto da problemática no ámbito laboral, onde nos atopamos taxas de ata o 80 % de desemprego vinculadas ao colectivo trans, o cal pode conlevar situacións de exclusión social e economía informal. Tamén se ocupa esta lei do ámbito educativo, xa que establecerá, en caso de aprobación, currículos educativos que permitan aos menores trans desenvolverse en liberdade, respectando os seus dereitos fundamentais. No eido autonómico CCOO ENSINO esixe o desenvolvemento da Lei 2/2014 de non discriminacion LGTBI e a posta en marcha real de protocolos para menores e traballadoras e traballadores trans no eido educativo e que esta non quede en papel mollado e nunha mera declaración de intencións.

Pero tamén en 2018 vivimos momentos amargos para o colectivo trans, xa que coñeciamos a noticia do suicidio do estudante menor  de idade Ekai, por mor dos impedimentos que sufriu de xeito reiterado para acceder ao tratamento adecuado. Pero a vinculación a probas médicas e o atraso destas en pleno desenvolvemento da puberdade puido con este alumno. Desde CCOO ENSINO queremos renderlle unha sincera homenaxe, coa esperanza de que sexa a última vítima da tendencia patoloxizante da Administración pública.

CCOO ENSINO apoia sen condicións os dereitos laborais e sindicais do colectivo trans, os e as menores trans que se atopan no ámbito educativo e a todas as persoas profesionais dese ámbito que traballan por facer un mundo máis xusto, tanto para os menores trans, como para calquera persoa, sen esquecer a dramática situación que están a vivir as persoas trans noutros lugares do mundo