Ola!
Precisamos a túa axuda…
Se soubeses que hai unha doenza que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil…
Se soubeses que en Galicia somos máis de 60.000 mulleres afectadas…
Se soubeses que os casos máis graves chegan ás 9000 mulleres…
Se soubeses que esas mulleres tardan oito anos de media en ser diagnosticadas…
Se soubeses que esa doenza pode ser incapacitante, producir dor crónica e esterilidade…
Se soubeses que algunhas perden o traballo e ven afectada a súa vida familiar e persoal…
Se soubeses que seguramente entre as mozas e mulleres que ti coñeces moitas a padecen en silencio, ocultas, sen recibiren a asistencia que precisan
Cruzaríaste de brazos?
Esa doenza existe e chámase ENDOMETRIOSE e nós precisamos que ergas as mans con nós pola endometriose.
Por primeira vez en Ourense imos celebrar o Día da Endometriose como o fan no resto do mundo.
O sábado 17 de marzo, en Ourense, imos xuntarnos para dicir que non nos rendemos, que non queremos que as máis novas pasen polo que pasamos nós, para dicir "MANS ARRIBA POLA ENDOMETRIOSE".
Os actos consistirán:
- Ás 11 h, unha sesión informativa sobre a doenza a cargo da xefa de Xinecoloxía do Chuo, a Dra. Carmen Varillas; da sexóloga Martina González Veiga e da fisioterapeuta Belén Fernández na Sala de conferencias da sede de Afundación na Avda. de Pontevedra, 9.
- Ás 13.30 h, na praza do Ferro faremos unha concentración para ler o manifesto da endometriose 2018 e para facer unha foto coas mans arriba pola endometriose.
Precisamos que difundas esta información, que llela fagas chegar a cantas máis mulleres poidas. No anexo enviamos o cartel da actividade.
Toda a información sobre o evento pódese atopar en querendo.eu
Non sabes canto precisamos as vosas mans! Moitas grazas por colaborar con nós!