CCOO chama á participación nas mobilizacións convocadas para o 14 de setembro no sector da discapacidade

Nun contexto económico de alza de prezos, é imprescindible garantir o poder adquisitivo das persoas traballadoras, en especial daquelas con retribucións máis baixas. A negativa das patronais a cumprir coa cláusula de revisión salarial pactada no convenio colectivo e a súa pretensión de rebaixar o alcance das melloras sociais xa comprometidas na negociación, leva a CCOO, con máis do 50 % de representatividade na mesa negociadora, a convocar en solitario mobilizacións para o próximo 14 de setembro en todo o territorio estatal, que se enmarcan na campaña confederal de «Salario ou Conflito».

A actitude inmobilista da representación patronal do sector e a súa aposta por pasar polos tribunais, mantida no acto de mediación celebrado o pasado 8 de xullo, no que CCOO chegou a presentar ata tres propostas retributivas diferentes para desencallar a negociación, lévanos a un escenario de incerteza que, a medio prazo, pode pór en risco a viabilidade económica daquelas entidades que deixen de aboar o regulado no actual convenio colectivo.

Malia que as Administracións públicas xa están recollendo nos pregos de licitación os incrementos salariais que se pactaron no XV Convenio Colectivo para 2022, as patronais seguen negándose a aplicar esas subas. Así mesmo, desde CCOO non entendemos como AEDIS, patronal maioritaria do sector e integrante de Plena Inclusión, entidade que di apostar por que as persoas con discapacidade poidan desenvolver o seu propio proxecto de calidade de vida, se mostra intransixente a cumprir co disposto no convenio colectivo coas persoas que traballan nas súas entidades, teñan ou non discapacidade.

Nun sector de marcado carácter social, no que as persoas traballadoras representan o maior valor que teñen as entidades, as que permiten visibilizar o sector da discapacidade na sociedade e sobre as que pivota o principal apoio con que contan os usuarios e as usuarias, profesionais cualificados e formados que pretenden vivir dignamente do seu traballo, obriga ao sindicato á xudicialización e a mobilización ante os incumprimentos patronais e en defensa do conxunto dos traballadores e as traballadoras.

CCOO vai ser moi belixerante se o modelo de emprego que propoñen está marcado pola precariedade laboral, e avisa de que, se a situación actual se estanca, o conflito se trasladará aos centros de traballo. Non podemos permitir que a persoas traballadoras sexan, unha vez máis, as afectadas por unha situación económica que non xeraron elas. O efecto dos beneficios empresariais sobre a inflación é cinco veces superior ao dos salarios, polo que non imos tolerar actuacións partidistas sobre os recursos económicos que as Administracións están destinando ás entidades. Urxe unha redistribución de rendas que permita o incremento dos salarios, acorde á evolución do IPC e a contención das marxes empresariais.

A Federación de Ensino de CCOO fai un chamamento ao conxunto de traballadoras, traballadores, persoas usuarias e familias para que participen nas concentracións que terán lugar nas principais capitais de provincia o vindeiro mércores, 14 de setembro, diante das sedes de Plena Inclusión e de AEDIS.