Logo do asinamento do preacordo o pasado mes de abril, CCOO asinou o VII Convenio Colectivo de Ensino Concertado. O novo texto recolle algunhas das demandas expostas por CCOO na súa plataforma reivindicativa así como os acordos sobre rexistro de xornada e saídas que subscribimos no seu momento. As melloras introducidas permiten avanzar nas condicións laborais das persoas traballadoras do sector, destacando:
- Recuperación da ultraactividade
Unha vez denunciado o convenio, nos termos establecidos nel, este permanecerá vixente ata que as partes alcancen un novo acordo de convenio que o substitúa.
- Excedencia por vítimas de violencia de xénero
Establécese unha excedencia por vítimas de violencia de xénero cunha duración de entre 3 meses e 1 ano e reserva do posto de traballo.
- Redución da xornada laboral do PAS
Reduciráselle progresivamente ao persoal de Administración e Servizos Xerais para quedar en 1570 horas ao ano. Esta redución farase de forma progresiva ao longo da vixencia do convenio, quedando en 1590 horas anuais en 2022, 1580 horas en 2023, e 1570 en 2024.
- Persoal docente
Posibilidade de negociar sexenios no ámbito autonómico así como de reducir a xornada nunha hora lectiva para o persoal maior de 58 anos.
No caso de acceso a posto público, cando o persoal docente acceda a posto de interino, o prazo de aviso previo do persoal docente quedará establecido en 15 días no canto dos 30 días actuais.
No caso de acceso á función pública, mantéñense os 7 días de aviso previo.
- Mellora nos permisos retribuídos
– Quince días en caso de matrimonio ou inscrición no rexistro correspondente como parella de feito. En ambos os casos, os 15 días naturais poderán empezar a gozarse, logo do aviso e xustificación, tres días antes da celebración.
– No caso do permiso por hospitalización, poderá iniciarse mentres dure o feito causante. Unha vez iniciado o permiso, os días de aproveitamento serán continuados.
– Créase unha bolsa dun máximo de 20 horas anuais para:
– Asistencia a consultas médicas do propio traballador, dos fillos menores de idade, do cónxuxe, de pais e familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que non poidan valerse por si mesmos.
– Asistencia a titorías de fillos menores, ata un máximo de 10 horas anuais con cargo á bolsa de 20 horas antes sinalada.
– Nos supostos de falecemento, hospitalización e intervención cirúrxica sen hospitalización, establécese o seguinte:
– Se o feito causante se produce en día festivo, o gozo do permiso comezará a contar o primeiro día laborable.
– Se o feito causante que orixina o dereito ao permiso se produce cando o traballador ou traballadora completase o 70 % da xornada e solicita o permiso o mesmo día, este contará desde o día seguinte.
– Se, iniciado o permiso, se inclúe algún día da fin de semana considerada non laborable para o/a traballador/a, non se terá en conta no cómputo.
- Incrementos salariais
Un 2 % para o 2020 e un 0,9 % para o 2021.
Así mesmo, crearanse comisións de traballo nas que se abordarán cuestións tan importantes como a xornada do persoal docente, a desconexión dixital ou o teletraballo, entre outras, e nas que CCOO seguirá defendendo as súas propostas coa intención de poder incorporar no convenio as reivindicacións históricas do sector.
CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS