Froito do acordo, ratificado por CCOO e sobre o que sindicatos como USO ou FSIE non teñen a máis mínima capacidade legal de intervención por falta de representatividade nese ámbito, o profesorado do ensino concertado beneficiarase de importantes incrementos salariais ata 2024. Unha vez se realicen as modificacións legais necesarias, que CCOO esixirá de maneira inmediata ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, a Administración estará en disposición de aboar, con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, un 1,5 % adicional ao 2 % que xa se viña percibindo.
Nun contexto de grande incerteza económica e política, conseguimos un incremento salarial real acumulado que en tres anos pode chegar ao 9,80 %, en función da evolución do IPC (inflación) e do PIB (produto interior bruto). Os conceptos variables ligados co IPC cobraranse se a alza de prezos acumulada desde 2022 ata o ano de revisión supera os incrementos salariais fixos pactados, algo que, en vista da evolución da inflación, se acabará producindo. No momento en que se modifiquen os módulos de concerto, CCOO esixirá a convocatoria da mesa negociadora do convenio para poder trasladar os incrementos ao PAS e ao persoal complementario.
CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS O PODER DE TROCAR AS COUSAS