A realidade dalle a razón a CCOO ensino

Como denunciabamos ao comezo do curso escolar, a Consellería cometía un erro ao manter as ratios máximas de 25 alumnas e alumnos por aula baseándose nun «concepto errado dos grupos burbulla», xa que o alumnado da mesma aula mantén contacto ao longo do día cos doutras aulas en espazos da vida cotiá ou no propio transporte escolar.

Os rapaces e rapazas de 11 anos ou menos presentan a maior incidencia acumulada, con case 73 casos por cada 100.000 persoas (72,78), case o triplo que a media galega (27,17).  

Os dous centros que presentan un maior número de contaxios son o CEIP O Cantel (Foz) con 36 casos activos e 1 aula pechada, e o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), con 23 casos activos e 2 aulas pechadas

CCOO ensino denuncia que dende o inicio do curso, o Goberno galego optou por converter a información diaria e detallada centro por centro que ofrecía ata o pasado mes de xuño nun exiguo boletín que só ofrece o número total de casos activos e aulas pechadas en cada área sanitaria, sen informar sequera de cantos corresponden a primaria e cantos a secundaria.

O tempo, por desgraza, dalle a razón a CCOO ensino así como á comunidade educativa que leva manifestando o problema de falta de profesorado e aumento de ratios desde o inicio de curso. A Consellería esquece que seguimos en pandemia e as consecuencias son o pechen das aulas, que prexudican ao alumnado e a presencialidade segura ten que ser o piar fundamental nos tempos de COVID.