A Subcomisión Parlamentaria para o Pacto Educativo constituída en decembro e que ten vixencia por seis meses aínda non comezou o seu traballo o que indica pouco interese en avanzar na axenda educativa para acadar o acordo dunha nova lei. Por outra banda o consello de ministros acordou acudir ao TC para intentar anular o acordo do Congreso polo que se impulsa a paralización da LOMCE mostrando o seu desprezo pola sede da soberanía nacional.
As actitudes do goberno e a falta de actividade da citada subcomisión indican a intención de acadar un Pacto exclusivamente político de costas á comunidade educativa. A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia non imos a consentir que se exclúa do pacto ás organizacións sociais representativas dos distintos sectores da comunidade educativa. Esiximos un amplo consenso tanto político como social para acadar unha nova lei educativa.
O retraso nos orzamentos do estado, así como o escaso incremento das partidas dedicadas a educación no proxecto de orzamentos galegos impiden a reversión dos recortes en educación non garantindo a igualdade de oportunidades e profundando na desigualdade.
Porén, tras este período deliberativo, convocaríamos esta Folga Xeral Educativa unitaria, o día 9 de marzo, implicando a toda á comunidade educativa galega, (alumnado, familias e docentes), en todas as etapas educativas, dende Educación Infantil ata á Universidade.