A patronal insta á división do convenio de escolas infantís

Este 29 de marzo celebrouse unha nova reunión da mesa negociadora, que pode representar un escenario distinto na negociación colectiva. As organizacións patronais formularon unha serie de modificacións que se recollen nas seguintes propostas.

‌ Documento en PDF

Xestión directa

Incrementos salariais por cursos académicos (a partir de setembro de 2023, sen efectos retroactivos), condicionados ao endurecemento da IT (aboarase o complemento necesario para alcanzar o 100 % da retribución salarial mensual a partir do día 16 e ata o día 105 do proceso); a eliminación da referencia semanal de xornada, a modificación do réxime disciplinario, amais de recortes en vacacións e permisos.

Educadoras
2023-2024: 1100 €

2024-2025: 1150 €

2025-2026: 1200 €

Mestras e categorías directivas: 1 % por ano académico

Categorías SMI: consonte a variación do salario mínimo interprofesional

CCOO ratificámonos na proposta que xa presentaramos, que depende de que as educadoras teñan un salario mínimo do SMI máis un diferencial de 50 €, o que as situaría nun salario mensual mínimo de 1130 €, e as mestras un incremento anual do 4,5 %, todo isto con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2023. 

Sobre o resto do articulado do convenio, CCOO manifestamos que na nosa plataforma reivindicativa están recollidas todas as nosas propostas, que nos cinguimos a ela, incluída a cláusula de revisión salarial, e que, para acordar as táboas salariais, non aceptamos condicionantes de ningún tipo que supoñan perda de dereitos laborais conquistados.

Xestión indirecta

ACADE, maioritaria na Mesa Negociadora, manifestou que necesitan algún modelo que lles permita adaptarse aos pregos de licitación e á realidade deste sector, que non é exactamente a realidade das empresas de xestión directa. Consideran que, tendo en conta o cambio de tendencia actual, que supón un incremento notable da xestión indirecta, necesitan un convenio propio que se adapte ás novas situacións e reclaman un modelo de negociación diferenciada. Propoñen dividir o convenio colectivo en dous: un que regule as entidades de xestión indirecta e outro para o resto de entidades.

Reafírmanse na proposta retributiva de incrementos salariais de arredor dun 20 % en catro anos. Porén, manifestan que, en caso de que o convenio actual non se divida, propoñerase unha táboa salarial única para todas as entidades, revertendo deste xeito o modelo actual de dúas táboas, cuestión que en absoluto compartimos en CCOO.

A iniciativa de segregar o convenio conta con máis do 50 % do banco patronal, mentres que a posición sindical queda a expensas de que cada organización o someta aos seus órganos de estrutura. Neste sentido, desde CCOO manifestamos que consultaremos coa nosa afiliación e coa nosa representación sindical no sector, e que trasladaremos a resposta definitiva na mesa que se celebrará o vindeiro 27 de abril.