Valoración de CCOO ao documento coa proposta dos criterios para definir as prazas dos procesos de estabilización da Lei 20/2021

  • Despois de rematar o primeiro punto da Orde do día a Consellería de Educación presentou o documento “proposta de criterios para a aplicación da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a educación da temporalidade no emprego público”.

CCOO criticou que non se nos facilitase este documento con antelación suficiente para estudalo, así como difundilo entre o profesorado e poder ter en conta as achegas que normalmente fannos chegar e enriquecen a nosa toma de decisións. 

A proposta dos criterios para a aplicación da Lei 20/2021 aporta moi poucas novidades xa que a maioría das cuestións xa están claras na Lei. Esta aborda dous procesos de ingreso na función pública:

  • Ingreso por concurso oposición (artigo 2 da Lei 20/2021) mediante un sistema transitorio.

  • Ingreso por concurso de méritos regulado nas disposicións adicionais 6º e 8ª 

Con respecto aos procesos de estabilización hai que dicir que en Galicia, e como consecuencia dos acordos estatais asinados por CCOO, UGT e CSIF, xa se convocaron 2.400 prazas (por encima das prazas de reposición) nas ofertas de emprego de 2018, 2019, 2020 e 2021. 

Mentres os acordos desas organizacións sindicais permitían ingresar a numerosos opositores  na función pública docente, os de sempre, os do non, a CIG, non negociaba nin asinaba ningún acordo, e, polo tanto, non conseguía nada. 

Na actualidade ocorre o mesmo. O sistema transitorio mediante concurso-oposición é consecuencia do plan de choque que recolle a Lei 20/21 asinado por CCOO e goza de todas as garantías xurídicas ao abeiro da xurisprudencia.

Por outra banda, o sistema de ingreso por concurso de méritos non está no acordo sindical. É consecuencia dun pacto político no que non interveu ningunha organización sindical nin política galega. Este proceso non ten a seguridade xurídica do concurso oposición, pero está recollido nunha lei e debe cumprirse. 

Diversos colectivos xa anunciaron recursos ante os xulgados. Estes anuncios obrigan, se cabe, a ser aínda máis rigorosos na concreción das prazas que se convoquen por este procedemento de forma que non poidan ser cuestionadas xudicialmente.

  1. Ingreso por concurso de méritos

En primeiro lugar hai que identificar as prazas definidas na DA 6ª. 

Neste caso a propia lei obriga que a praza estivera ocupada ininterrompidamente por persoal interino con anterioridade ao 01/01/2016 e que sexa estrutural. O único que hai que clarificar é que praza cumpre o requisito de ser estrutural. 

É un debate ficticio, por non dicir un engano, afirmar que unha praza cuberta por un funcionario de carreira en expectativa ou en prácticas dende o ano 2016, o é de forma temporal. 

A lei 20/2021 establece con claridade que se refire a “prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación desta natureza”; os funcionarios en prácticas e de carreira non teñen unha relación de natureza temporal coa administración. 

Con respecto ás prazas definidas na DA 8ª xa sabiamos pola Lei 20/2021 que se refería ás prazas estruturais ocupadas na actualidade por persoal interino que viñera prestando servizos en calquera praza de forma ininterrompida con anterioridade ao 01/01/2016 e que non fora contabilizada para ofertar por concurso de méritos pola DA 6ª xa que non cabe duplicar as prazas.

  1. Ingreso por concurso oposición

A Lei 20/2021 xa deixaba claro que as prazas deste proceso debían estar ocupadas de forma ininterrompida con anterioridade ao 01/01/2018 e ser estruturais. Co que CCOO non estamos de acordo e que estas prazas deban estar ocupadas a 30/09/2021 xa que a Lei no seu artigo 2.1 establece que “estiveran ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos 3 anos anteriores a 31 de decembro de 2020”. Se tomamos como referencia o 31 de decembro de 2020 a oferta de prazas é bastante maior. 

Demandamos un cambio de criterio temporal para que a oferta sexa maior beneficiando así ao persoal interino con menos servizos que non van ter opción a praza no concurso de méritos fronte aos interinos con máis servizos.

 

  1. Novidades do documento

  • O documento establece que non se consideran estruturais as prazas de xornada reducida e as derivadas das reducións de xornada do persoal que desempeña cargos directivos en determinados centros. CCOO non comparte esta restrición e demandamos á Consellería que compute estas prazas..

  • Apróbanse no Decreto da OPE as prazas das especialidades do extinto corpo de PTFP nos novos corpos (PES e profesores especialistas de sectores singulares de FP) á espera de que se determine a titulación de ingreso en cuxo caso serían convocadas. CCOO valora positivamente esta decisión.

  • Non haberá promoción interna. CCOO rexeita que non se facilite a promoción interna por concurso de méritos.

  • Haberá quenda para persoas con discapacidade. CCOO comparte esta decisión.

  • Non obrigatoriedade de presentarse ao concurso de méritos. Compartido por CCOO.

 

  1. Demandas concretas de CCOO no proceso de negociación

A Consellería estableceu a seguinte orde de prelación:

  • Definición das prazas da DA 6ª

  • Definición das prazas da DA 8ª

  • Definición das prazas de concurso oposición do artigo 2 Lei 20/2021.

  • Identificación das prazas vacantes que teñen titular para restar ás anteriores. 

Desde CCOO demandamos unha negociación transparente nunha comisión técnica ou Mesa Sectorial. 

Esiximos á Consellería que nos facilite o listado de prazas vacantes a ofertar por cada un dos anteriores apartados con datos suficientes para coñecer a trazabilidade de cada unha delas e poder discutilas unha a unha.

Da mesma forma demandamos os datos das prazas que teñen titular e que deben ser excluídas do proceso selectivo.

Urxe avanzar esta negociación xa que vai ser un proceso longo. Como en todo proceso selectivo, en Galicia o requisito do idioma galego é obrigatorio e nunca estivo cuestionado. Asemade, o número de aspirantes que o cumpren será menor que noutros territorios. A Consellería confirmou que será un requisito como en todos os procesos selectivos anteriores.