CCOO ensino esixe que a Consellería retire a obrigatoriedade de asistir aos centros dos equipos directivos.

A Consellería segue sen rectificar as instrucións que obrigan a permanecer a unha persoa do equipo directivo nos centros educativos, a pesar de que o RD de estado de alarma, suspende a actividade nos mesmos. Está a pór en perigo innecesariamente a saúde dos seus propios traballadores e traballadoras. As autoridades sanitarias limitan ao máximo os desprazamentos para evitar o contaxio e propagación do coronavirus, alén da falta de desinfección dos centros de traballo nos que se están a usar ordenadores, teléfonos, baños… por persoas diferentes, cuestións que a Consellería incumpre coas instrucións vixentes.

CCOO ensino leva demandando desde o principio desta crise sanitaria unha xuntanza coa Consellería coa fin de coordinar e cooperar as accións a levar a cabo no eido educativo. A Consellería vén de reunirse coa xunta de directores e directoras para coordinar esta situación. Sen poñer en cuestión a necesidade de coordinar con este colectivo como responsables dos centros, seguimos denunciando o desprezo aos representantes lexítimos do profesorado, nunha mostra máis da política errática e de costas aos seus traballadores e traballadoras, que desde o principio mantivo a Xunta de Galicia. 

Esiximos que no Consello da Xunta se modifiquen estas instrucións e se deixe de xogar de xeito innecesario coa saúde dos traballadores e traballadoras da Consellería de Educación.