CCOO denuncia a falta de seguridade estrutural no CEIP Frei Luís de Granada de Sarria e demanda solucións á Xefatura Territorial

CCOO denuncia a falta de seguridade e a total improvisación nas actuacións levadas adiante por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no centro “Frei Luis de Granada” da localidade de Sarria. 

Ante os problemas estruturais graves que presenta o centro, con fendas e defectos importantes na estrutura do edifício, desde CCOO Ensino Lugo queremos manifestar o noso total apoio á comunidade educativa do centro e o rexeitamento das actuacións deficitárias e totalmente improvisadas por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. 

Despois de xuntanzas levadas a cabo entre técnicos, responsables da Consellería coa comunidade educativa do centro, lonxe de dar respostas á devandita situación o que se acadou foi xerar mais dúbidas e inquedanzas.

Apoiamos e comprendemos a preocupación totalmente xustificada dos pais e nais, dos docentes e do resto do persoal da comunidade educativa e ESIXIMOS a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que faga todo o necesario para garantir a SEGURIDADE do edifício e subsanar os defectos graves que hai na actualidade.

Queremos demandar máis transparencia e garantías por parte da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional sobre a seguridade do edifício e unha certificación técnica escrita de que o centro é totalmente seguro.