28 de abril de 2019, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

Co gallo do 28 de abril de 2019, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, en CCOO queremos poñer de manifesto o dereito que temos os traballadores e traballadoras a tomar o control sobre as nosas condicións laborais e a exixir un traballo sen riscos.

Durante 2018, a sinistralidade laboral seguiu medrando. Rexistráronse máis de 1,3 millóns de accidentes laborais, 152 cada hora. Tamén aumentou a cara máis tráxica desta realidade, os accidentes mortais: 652 persoas morreron a consecuencia dun accidente de traballo. No caso de Galicia, os datos de accidentes mortais van na liña do resto do Estado: 50 persoas non volveron á casa ao rematar a súa xornada de traballo.

No noso país, cada día dúas persoas non regresan ao seu fogar polo único feito de intentar gañar a vida, e na Unión Europea morren ao ano case 200 000 persoas por causa de enfermidades profesionais e accidentes no lugar de traballo. Debemos recordar que os traballadores e as traballadoras temos, entre outros dereitos laborais, o dereito á integridade física. Ademais, a Lei de prevención de riscos (LPRL) recoñece, expresamente, o noso dereito a unha protección eficaz nesta materia.

Traballar non debe nin pode supoñer un risco para a túa seguridade e saúde.

Ademáis no eido do Ensino :

  • CCOO demanda o cumprimento da lei de modo preventivo e a corrección das deficiencias antes de que se produzan os accidentes ou aparezan as enfermidades profesionais, informando e formando os seus traballadores/as, dándolles a capacidade de  protexerse fronte os riscos. Por iso a empresa ten que avanzar no coñecemento das condicións laborais dos traballadores/as  facendo avaliación de todos os centros e postos de traballo.
  • CCOO demanda un Servicio de Prevención propio da Consellería, cun equipo técnico suficiente e con recursos económicos, adaptados ao volume de traballadores/as, e tamén do alumnado; con servizos provinciais e coordinadores de prevención de riscos laborais nos centros debidamente formados e con recursos.
  • CCOO demanda o cumprimento das obrigas marcadas pola lei, activando os comités provinciais de Seguridade e Saúde Laboral e o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral. 
  • Os recoñecementos médicos aos traballadores/as deben xeneralizarse e facerse cos mesmos prazos que teñen os/as das outras consellerías, publicitándoos por todos os medios, incluído o DOG.
  • CCOO esixe a revisión e actualización do catálogo de enfermidades profesionais. Demandamos un catálogo de postos de traballo  para recolocar aqueles traballadores e traballadoras afectados por algunha incapacidade que non lles permita desenvolver o seu  traballo. 
  • CCOO demanda o desamiantado nos centros, empezando polos que teñan máis risco, cumprindo as medidas de seguridade establecidas no RD396/2006, do 31 de marzo, e o establecendo un catálogo da existencia dese material nos centros con protocolos de actuación para a súa detección, conservación e retirada. Non podemos obviar que ao se tratar de centros educativos e dun material altamente perigoso, estas obras deben realizarse en período non escolar, para así ter a certeza de que ao regreso do alumnado e dos traballadores e traballadoras non existe risco pola existencia das fibras deste material.
  • Demandamos que non haxa gas radon nos centros, pedimos a Consellería que faga os estudos necesarios para determinar os niveis de concentración de radon de acordo co Consello de Seguridade Nuclear e poña en marcha  plans de prevención que cumpran coa normativa vixente. É urxente facer estas correccións e evitar que este axente canceríxeno supoña un risco para a saúde dos traballadores, as traballadoras e alumnos/as.

Investir en prevención e investir en seguridade e saúde, que, por suposto, repercute no benestar das traballadoras e traballadores e finalmente na empresa.

Por un traballo seguro no Ensino
Toma o control, exixe un traballo sen riscos!